Os caldos galegos triunfan

Catro adegas galegas foron distinguidas no Concurso Internacional de Viños e Espirituosos CINVE 2008. A Adega Martín Códax obtivo a medalla de ouro neste certame polo seu viño ''Martín Códax Lías 2006''.

Ademais, outros caldos galegos foron galardoados coa medalla de prata. Na provincia de Ourense, o premio levárono ''Casal de Armán 2007'' de Adegas Casal de Armán e ''Colección Costeira'' de Vitivinícola do Ribeiro; mentres que en Pontevedra, os distinguidos foron ''Abadía de San Carpio 2007'' de Adegas Terras Gauda e ''Cuatro Pasos 2006'' e ''Martín Códax 2007'' de Adegas Martín Códax.

Calidade española

No concurso CINVE 2008, celebrado durante tres días en Sevilla, foron catadas mostras de viños procedentes de países dos cinco continentes e de todas as Comunidades Autónomas españolas. O xurado encargado de seleccionar os viños galardoados estaba composto por 42 catadores e expertos internacionais de 22 países.

No acto de proclamación dos premiados, o secretario xeral da Federación Mundial dos Grandes Concursos de Viños e Espirituosos, o canadense Ghislain K. Laflamme, subliñou que ''é moi difícil atopar viños de tanta calidade noutros países, teñen unha personalidade moi especial e unha altísima calidade''.

Comentarios