Curiosidade dunha cartolina na mesa

MenúsDous menús da vida oficial española no pasado século

Os menús de banquetes son excelentes curiosidades para quen guste da gastronomía e son, ao tempo, boa fonte de información de costumes e realidades da cociña do momento. Os historiadores dirán se achegan algo máis para coñecer a realidade social e económica dun tempo e un país.

Un banquete con sete pratos, un exemplo real, e varios deles que se poden cualificar como contundentes, é expresión dunha sociedade ou máis concretamente dunha clase social que reflectía poderío na mesa. A referencia ás bebidas: aperitivos, viños e licores achéganos información moi válida sobre o comercio. Incluso o idioma do menú débenos estar a dicir algo cando, por exemplo, é dominante o afrancesamento dos nomes na enumeración dos pratos nun menú español.

Cando o coleccionista se bota ás librerías de vello ou a outros mercadiños onde é posible atopar calquera cousa se a sorte acompaña, en contadas ocasións dá con menús dun acto social normal, máis aló de vodas e banquetes oficiais, que correspondan á Galicia do século XIX ou da primeira metade do XX. Hai, pero son pezas moi raras quizais pola falta de coleccionistas, por non haberlles outorgado valor documental algún e, antes de nada, por ser algo extraordinario para os usos sociais.

Por Manuel María Puga e Parga (Santiago,1874- A Coruña, 1918), léase Picadillo, algunha curiosidade temos dos banquetes pantagruélicos con que se honraban a si mesmos os señores rurais, a Galicia dos pazos do seu tempo. Exemplos tan curiosos como as comidas cuaresmais que respectaban o espírito da abstinencia de carne pero facían trizas calquera recordo ou vinculación co xaxún ou a austeridade dun tempo de penitencia. Neste sentido, a súa ‘Vixilia reservada, minutas e receitas' é unha delicia de lectura e unha fonte de información. Claro que as afeccións e costumes na mesa de Picadillo non parece que admitisen comparación, por inxesta de alimentos e por cintura dos corpos, coas do seu bo amigo Wenceslao Fernández Flórez, ao que incluíu nunha receita de bacallau.

Deses tempos o coleccionista algúns menús atopa de vodas e actos sociais nas cidades galegas -Lugo, por exemplo- á marxe do que é vida oficial. Máis fácil é dar con menús de actos oficiais. Sirva como referencia a primeira recepción que o Concello da Coruña ofrécelle ao xeneral Franco, aínda en guerra e na súa primeira visita á cidade herculina como caudillo.

Houbo nos menús, que debería ser costume a recuperar pola sociedade para moitas ocasións, máis aló de vodas, comuñóns e comidas de concellos e Xunta, dicía que se ve nos menús do que imos chamar sociedade civil o costume de que os comensais asinasen no mesmo como testemuño e recordo. Incluso, poucas veces, hai comentario de afago á anfitrioa ou anfitrión por parte dalgún dos asinantes. Son cuestións menores pero fan a vida máis agradable. é tempo de recuperar formas.

Comentarios