De (é) Tapas por Santiago

Cartel del concurso de cocina en miniatura en Compostela (G.G.)
photo_camera Cartel del concurso de cocina en miniatura en Compostela (G.G.)

O Departamento de Turismo da cidade organiza o primeiro concurso de cociña en miniatura de Compostela, que terá lugar entre o 28 de xuño e o 13 de xullo.

Durante estas dúas semanas a capital galega volverá lucir a súa gastronomía, esta vez en formato reducido, coa celebración do I Concurso de Tapas SANTIAGO(é)TAPAS. Os establecementos hostaleiros da cidade competirán por ofrecer a visitantes e composteláns as súas mellores elaboracións en forma de tapa.

O concurso, promovido polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Igrexas, é unha nova acción na liña cara a consolidación de Santiago como destino de turismo gastronómico.

Catro premios
A organización estableceu catro premios para este campionato; tres outorgados polo xurado, que estará composto por persoas do ámbito da hostalería, o turismo ou o xornalismo gastronómico, á Mellor Tapa, Tapa Tradicional e Tapa Creativa. Xunto a eles entregarase o premio Tapa do Público, decidido por votación popular.

O Premio á Mellor Tapa está dotado con 1.000 euros e unha campaña de comunicación en prensa local. Os outros tres premios teñen unha dotación de 1.000 euros. Ademais, entre todos os establecementos participantes sortearase unha invitación para dúas persoas ao Forum Gastronomic de Girona, que inclúe os billetes de avión, a estancia e dúas credenciais para o evento.

Tapasporte
Facendo un símil coa credencial que reciben os peregrinos cando chegan a Compostela, Turismo de Santiago pon en marcha o Tapasporte, a “Compostela de Tapas”, para fomentar a participación da cidadanía no concurso.

Esta ferramenta propón rutas ou “(é)TAPAS” gastronómicas, formadas por establecementos próximos entre si, nos que recibirán un selo tras consumir a súa tapa. As persoas participantes poderán optar a unha serie de premios segundo o número de selos que reúnan.

Comentarios