Unha ''Arca de Noé''galega prepara o desembarco en Turín

El "millo corvo" de Bueu
photo_camera El "millo corvo" de Bueu

As confrarías de Lira (Carnota), Cedeira e Bueu enviarán produtos frescos e conxelados do mar galego que serán degustados no primeiro expositor propio que terá Galicia no Salón Internacional do Gusto, de Turín , cidade do norte de Italia onde a antiga fábrica de Fiat será sede para unha "enoteca" con 2000 viños de todo o mundo, mercado, 200 expositores de alimentos de produción tradicional, conferencias e talleres como o adicado aos viños tintos galegos que será impartido polo catador Xoán Torres Cannas e viticultores das cinco denominacións de orixe (DO) de viño de Galicia.

"Arca de Noé" galega e variada

Os produtos galegos poderán degustarse no expositor de 72 metros cadrados que instalará a Deputación da Coruña no recinto do salón italiano, que cada día pechará as súas portas coa escenificación dunha "queimada" para os visitantes.

Esta arca simbólica reunirá non só alimentos galegos senón representantes como o restaurador de Santiago de Compostela Marcelo Tejedor, que abrirá a actividade do expositor galego coa presentación da versión italiana dun libro de tapas no que el achega as receitas e vairas empresas e entidades pon a materia prima.

Así, o libro recolle receitas nas que a cervexa "Estrela Galicia" se utilíza para marinar un prato de pataca e allo porro, o viño albariño "Paco e Lola" para marinar sardiñas, o pan da Indicación Xeográfica Protexida pan de Cea serve para acompañar un prato de mazás, as conservas de algas "Portomuiños" combínanse con arroz e a empresa vasca "Ortiz" achega as anchoas, entre outras.

Tamén estarán en Turín o vicepresidente da Deputación da Coruña Pablo Villamar, representantes das confrarías de Lira (Carnota), Cedeira e Bueu, o empresario Antonio Muiños da conserveira de algas situada en Cambre e un equipo para preparar tapas e degustacións baixo a dirección da cociñeira Pilar Caamaño González, do restaurante "Casa Pila" de Lira.

O expositor mostrará ademais información sobre produtos galegos obtidos de forma artesanal, algúns deles integrados xa na listaxe de alimentos da "Arca do Gusto", promovida polo movemento mundial "Slow Food" (cuxo principal escaparate é o Salon Internacional do Gusto de Turín celebrado cada dous anos), como o "millo corvo" de Bueu, o porco celta e a centola de Lira, procedente da primeira Área Mariña Protexida de Galicia.

Tamén produtos galegos que aspiran a ser "Slow food"

O presidente do "convivium" galego de Slow "Food", Jesús Trillo asistirá tamén ao certame de Turín e explicou a GG que o colectivo en Galicia descobre para o resto do mundo a existencia de alimentos variados que se producen de forma sostible polo que son bos (saborosos, frescos), limpos (non nocivos para a terra nin para a saúde) e xustos (vinculados a pagos e condicións laborais dignas en todas as etapas entre produtor e consumidor), requisitos para formar parte da simbólica "Arca do Gusto".

Tras a inclusión dos tres primeiros produtos galegos na "Arca do Gusto", o colectivo galego presentou como novos candidatos aos mirabeles do Rosal (Pontevedra), as zamburiñas da ría de Ferrol e a galiña "piñeira" que poderán formar parte do inventario mundial se así o aproba primeiro un comité nacional do movemento "Slow Food" e logo o comité internacional.

En Turín descubrirán que os viños tintos galegos tamén son "terroir"

O catador Xoán Torres Cannas, do restaurante "Pepe Vieira" de Raxó (Pontevedra) estará no Salon Internacional do Gusto de Turín como relator dun obradoiro da sección "Whorkshop", organizada pola Universidade do Gusto, no que estará acompañado dun viticultor de cada D.O. de viño de Galicia.

Torres Cannas explicou a GG que con el irán José Luís Mateo da adega "Quinta dá Muradella" do D.O. Monterrei, Rogelio Méndez da adega "Forxa do Salnés" no D.O. Rías Baixas, Fernando González da adega "Algueira" do D.O. Ribeira Sacra, Luís Anxo Rodríguez de Torre "dúas Pasás" do D.O. Ribeiro e o propio Cannas coa "Compañía de viños María Fechoría e asociados".

Cada viticultor levará un dos seus viños tintos, explicará aos 60 asistentes como o fai e darao a degustar ao terminar a sesión. O relator Xoán T. Cannas abrirá o obradoiro cun visionado de fotografías que irá acompañado da súa explicación do contexto galego e das circunstancias de cada zona que propician a produción dos viños "terroir".

Os primeiros minutos, segundo dixo a GG, serán para mostrar aos participantes no obradoiro información para que descubran Galicia con imaxes "apaixonantes, sensibles e con forza estética", agregou.

O relator explicou que os viños galegos responden a definición de "terroir" acuñada en Francia, igual que os do norte de Italia, pois en Galicia os viñedos repártense por lugares diferentes entre si tanto polo seu microclima, chan, variedade de uva e por suposto, traballo humano.

Nese sentido, recordou a case desaparición dun destes viños, o producido nos lugares de Pedriñan e Carabuxeiras, no municipio de Sanxenxo, onde os chans son "tremendamente graníticos" sen apenas materia orgánica e nunha zona orientada ao sur e protexida do vento frío do norte grazas a unha fenda xeolóxica.

"Antes estes viñedos das Rías Baixas tiñan un gran prestixio pero desde hai uns anos, os propietarios foron desfacéndose destas parcelas de cultivo pois conseguiron máis diñeiro se as vendían para desenvolvementos urbanísticos e agora apenas temos viñedos, iso si, os que hai son vellos e dan un viño de gran calidade, aínda que case esquecido", agregou.

Esa diferenciación peculiar ocorre con moitos viños galegos, segundo Cannas, aínda que tamén hai que ter en conta que a produción de viño galego é antiga historicamente "mais levamos poucos anos subidos ao carro da calidade", pero con moitas posibilidades.

O "Slow Food" segue logo de Turín

O secretario da confraría de pescadores de Lira (Carnota) Emilio Louro, que ademais é integrante do "convivium" galego do movemento "Slow food" explicou a GG que á volta de Turín seguirá a rolda de presentación do movemento en toda Galicia.

Algúns produtores, conserveiras e pescadores impulsaron este movemento fai algo máis dun ano pero a súa actividade comezou a ser visible coa inclusión dos tres primeiros produtos galegos na "Arca do Gusto".

Hai un mes, o colectivo tivo a súa presentación oficial na provincia da Coruña nun encontro celebrado na aula de Cociña da empresa conserveira Porto-Muiños, en Cambre, e seguiranlle outras noutros lugares de Galicia despois do salón de Turín.

Comentarios