De viño e tapas en Recatelo

La EsquinaLa Esquina, un lugar para saborear

HAI LOCAIS que chaman a atención pola concorrencia de público. Hai portas ás que un mira atentamente desde a rúa en calquera barrio dunha cidade ou en calquera poboación pequena pola presenza constante de público ao observar como día tras día entra un público fiel. é fácil deducir que algo especial ofrece, cando externamente por fachada ou decoración nada chama, nada suxire singularidade algunha.

Algo disto sucede con La Esquina no barrio lucense de Recatelo, a un paso do Parque. Non sei que razón levoume a recordar alí, nesta barra cuberta de pratos con tapas diversas, algunha das clásicas descricións das tabernas que fixo don Álvaro Cunqueiro cando recreou estes espazos ou cando retratou como ninguén a quen fixeron e fan uso deste espazo de sociabilidad..

Quizais aquí nesta Esquina de Recatelo quede un tempo de Lugo que se detivo e mantén un encanto para quen queira coñecer e vivir en profundidade a realidade do que fomos e somos. A fotografía do ambiente e a fotografía do local son dun tempo que se detivo. Nada atrae desde o exterior. Estamos ante un clásico local de cafés, cervexas, viños e tapas. Pero algo ofrece a maiores pola alta concorrencia permanente. É lugar para o encontro e o faladoiro detido co bo viño e as tapas nunha media ducia de mesas que aquí hai, situadas en dúas alturas, coas únicas concesións decorativas madeira na varanda que separa as dúas alturas do establecemento.

De aquí sáese almorzado, comido ou ceado. Iso din os fixos, que ademais valoran a procedencia do produto que ofrecen, como a empanada. Se vostede se achega ata alí, vaia ao encontro do trato familiar, dun ambiente amigable; vaia disposto a tomar a opción por uns viños ou unha botella de mencía, Rioxa, Ribera ou unhas cervexas, e vaia sobre todo na mellor disposición para saborear os excelentes produtos da terra que aquí ofrecen. Vaia sen présa aínda que sexa en horario nocturno. Non busque aquí nada sofisticado, saboree o auténtico: o queixo sabe a queixo, o chourizo é potente, de excelente cor e cheiro, que pide viño, e o touciño entrefebrado está quente, logo de pasado polo ferro, e sobre pan de mestura. Todo é unha delicia. Non hai complicación de cociña..

Creo que isto que saboreamos e gozamos aquí a outra noite son sabores naturais, plurais, do Camiño cara a Santiago. Sabores que se manteñen polas terras de Pedrafita desde que Don Gaiferos regresou collido do brazo do bo camiñante a morrer ante a tumba do Señor Santiago. É a autenticidade destes dous irmáns da Esquina.

Un lugar para citarse cos amigos ao vello e clásico estilo que se conserva neste barrio de Recatelo, grazas ao traballo destes dous irmáns que chegaron desde Pedrafita e aquí, nun trato atento, amable, familiar, de bo facer e con bo produto, conquistaron unha inmensa e variada parroquia que vai desde os xulgados próximos a funcionarios e persoal diverso que se cita e atopa para charlar e dar mostras de que a pesar da crise é posible gozar da vida.

Comentarios