As castañas da Ribeira Sacra pasan do chan ao altar da gastronomía

O libro foi presentado na igrexa do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, na porción da Ribeira Sacra correspondente ao concello de Parada do Sil e alí déronse cita os 13 cociñeiros autores das receitas con castañas, entre eles o creador da idea Javier González da "Rexidora", o maquetador, o fotógrafo segoviano Juanjo Pascual, os alcaldes de Parada do Sil, A Teixeira e Castro Caldelas, e o conselleiro de Cultura Roberto Varela.

Os asistentes ao acto, entre eles algúns visitantes da comarca, gozaron da unión de paisaxe, dominada polos castiñeiros e o río Sil,  e historia representada polo mosteiro románico e a nutritiva castaña.

Libro e autores

O cociñeiro da "Rexidora" Javier González, propuxo fai máis dun ano a varios cociñeiros de toda España, a elaboración de receitas con castañas e para iso reuniunos en plena Ribeira Sacra en varias ocasións.

Os cociñeiros autores das receitas son Pedro Subijana, de Akelarre "" de San Sebastián, Francisco Torreblanca de  "Tottel" en Elda-Alacante, Xavier Pellicer de "Can Fabes" en Barcelona, Pedro Mario e Óscar Pérez do "Ermitaño" de Zamora, os irmáns Sergio e Javier Torres de " Dos cielos" de Barcelona, Javier Núñez do "Barandal" de León, Javier Rodríguez de "Taki" na Coruña, Héctor López do "España" de Lugo, Rafael Centeo do "Maruja-limón" de Vigo, Susi Díaz de "La Finca" en Elxe-Alacante, Jesús Sanchezel do "Cenador de Amós" de Valverde de Pontones-Santander e Pedro Martino de "´L Alezna" en Oviedo.

Unha parte deles asistíu á presentación do libro e no seu nome, o ourensán Javier González explicou que a publicación é o primeiro paso dun proxecto que pretende pór en valor o uso da castaña como "produto propio da comarca que, xunto co seu viño, xeraron e xerarán riqueza para os seus habitantes", explicou.

O libro consta de 320 páxinas nas que as 35 receitas de castañas están trufadas con imaxes de castiñeiros centenarios e varios prólogos a cargo do tamén cociñeiro Ferrán Adriá, do cineasta José Luis Cuerda e do escritor Xosé Manuel Pacho, que narran a súa relación persoal con este produto que reinou nas mesas galegas antes de ser suplantado pola pataca e o millo americanos.

A publicación poderá conseguirse en establecementos turísticos e oficinas de información, onde quedarán os primeiros 1300 exemplares editados.

Agora segue o proxecto para fixar poboación


Os tres municipios participantes no libro elaboraron un proxecto máis amplo co obxectivo de asentar na zona o proceso produtivo completo ao redor da castaña producida nas súas abundantes soutos, agora parcialmente abandonados.

Entre os pasos concretos previstos, está a creación dunha empresa de transformación da castaña para elaborar fariña e outros derivados, moi utilizados no ámbito da restauración, segundo explicou o alcalde de Parada do Sil Francisco Majide.

Máis adiante, o proxecto incluirá a procura de cooperación con outras zonas produtoras de castaña para garantir a recuperación e conservación dos centenarios soutos que son a súa base.

                                                     

Comentarios