Dezaseis destilados, na XIII Cata de Augardentes de Galicia

Un total de 16 destilados, pertencentes a 15 empresas adscritas ao Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia protagonizaron este luns a XIII Cata das Augardentes de Galicia, que se celebra no Centro Integrado de Formación Profesional, en Lamas de Abade (Santiago).

Promovido pola Consellería de Medio Rural, o acto contou coa colaboración do Consello Regulador a través da súa secretaria, Carmen Otero. é unha das catas máis importantes do ano e celébrase esta semana, conxuntamente coa XXIII Cata de Viños de Galicia 2011.

A directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon, foi a encargada de inaugurar o evento, no que destacou a gran importancia de seguir traballando para reivindicar a excelencia destes destilados galegos. Pola súa banda, a secretaria do Consello Regulador fixo fincapé na necesidade de traballar a favor da difusión dos destilados de calidade amparados polo Consello Regulador, produtos que aínda seguen sendo menos coñecidos que os viños galegos.

O panel de cata estivo formado por sete catadores, que realizaron unha cata a cegas na que destacaron o excelente nivel alcanzado por estes destilados, especialmente no que se refire ao seu tipicidad, facilidade para beber e a súa gran calidade na elaboración. Entre os catadores, recoñecidos expertos como a doutora en ciencias químicas Sandra Cortés, a investigadora no Consello Superior de Investigaciónes Científicas de Pontevedra Mar Vilanova; os enólogos José M. Martínez Juste e María Sineiro; o enxeñeiro técnico agrícola Fernando Vilariño, e os catadores Javier Pérez e José M. Martínez Matos.

Da precata cega celebrada esta mañá foron seleccionados seis augardentes, dos que sairán os gañadores do Pote de Ouro, Prata e Bronce, cuxos premios serán dados a coñecer e entregados nunha data aínda por determinar.

Comentarios