Dez prestixiosos cociñeiros do Benelux interésanse polo uso das algas na gastronomía galega

A aula de cociña Porto-Muiños recibirá a próxima semana, do 25 ao 27 de setembro, a visita de 10 prestixiosos cociñeiros da zona do Benelux (Bélxica, os Países Baixos e Luxemburgo) interesados en coñecer a gastronomía galega, especialmente as algas, así como as súas calidades e múltiples usos na cociña.

Ao longo de 3 días este grupo de profesionais do ámbito gastronómico coñecerán as algas das costas galegas, ademais doutros produtos galegos de gran calidade como viños, carnes, peixes e mariscos, e contactarán con empresas destacadas do sector alimentario.

Coa realización dunha comida conxunta elaborada por destacados cociñeiros coruñeses (Valentín Otero Pablo Galego, Antonio Amenedo, do Pazo de Santa Cruz ; Iván Domínguez, de Casa Marcelo; Luís Veira, de Alborada , e Miguel Silvarredonda e Ángel Facorro da  Escola de Hostalería Paseo das Pontes,
na aula de cociña Porto-Muiños buscarase crear sinerxías entre os cociñeiros galegos e os seus visitantes.

Os cociñeiros que integran a delegación do Benelux son Rudy Van Beylen, chef e propietario do Salons Hof ten Damme; Dominique Persoon, pasteleiro e fundador da chocolatería The Chocolate Line, en Bruxas, (unha das 3 que existen no mundo con estrela Michelin); Didier Garnich, cociñeiro e propietario de restaurante De Matelote, e De Roy Kris, chef do restaurante Hofke Van Bazel de Anveres.

Igualmente, viaxarán a Galicia Lieven Lootens, cociñeiro do prestixioso restaurante belga Aards Paradijs, en cuxa cociña destaca o uso de herbas e flores; Frans Van Meeuwen, xornalista gastronómico, autor de libros como Gastronomie in België ou Les bibs Gourmands; Mark van Eenennaam, chef do grupo gastronómico belga Compass Group, e Andre Pauwels, recoñecido chef belga do restaurante La Pérouse.

Tamén integran a delegación Jan T.M. Eenennaam, chef do restaurante Le Marron dos Países Baixos; Piet van Steenbergen, chef demostrativo de novas técnicas culinarias e produtos en Bélxica e os Países Baixos, e Danny Huygebaert, representante de The Foundation for Sustainable Fishery Development Belgium, interesado nos beneficios das algas e na súa introdución en colexios e restaurantes de Bélxica.

Comentarios