Onde o culto á anguía é tradición

Mesón do Loyo (Foto: VILA)
Lourdes Rivera e Julio Varela, fundadores do Mesón do Loyo (Foto: VILA)

Ao falar da gastronomía de Paradela e Portomarín non se pode pasar por alto un prato vinculado á tradición pesqueira desas terras alagadas fai medio século polo encoro de Belesar: as anguías. Fritas, e tamén guisadas, son a especialidade do Mesón do Loyo. Este restaurante sinxelo, de decoración tradicional, supera o medio século de vida. O negocio botou a andar da man do matrimonio formado por Xullo Varela e Lourdes Rivera, que deron a remuda á seguinte xeración. Lourdes recibiu en 2012 o premio Gastronomía de Galicia Álvaro Cunqueiro, que outorga anualmente o Concello de Lalín, por toda unha vida dedicada aos fogóns.

Quen prefiran tomar as anguías de entrante teñen a opción para comer despois unha boa carne á grella. Outros as prefiren como segundo prato, acompañadas dunha ensalada e patacas fritas. Para rematar a comida é recomendable unha sobremesa caseira ou a torta de Portomarín. O exquisito café de puchero é outro elemento imprescindible para culminar a comida.

A anguía, do mesmo xeito que as troitas que ofrecen neste establecemento, teñen a pel tostada e crocante, froito dunha sabia fritura. Nesta zona é costume deixar repousar a anguía nun recipiente con vinagre durante unhas horas antes de salgalo, pasalo por fariña e fritir os anacos. Hai restauradores que lle botan un pouco de touciño durante a fritura para reforzar o sabor. As anguías se saltean de novo, tras retirar o aceite da tixola.

Esa lograda textura certifica a boa man ao preparar o produto e fai realidade a máxima de Jorge Víctor Sueiro, que no seu libro ‘Comer en Galicia' destaca a lamprea para os guisos e as anguías para os fritos, entre os peixes de río. Estas últimas tamén se preparan nestas terras miñotas en saborosas empanadas.

O meu descubrimento das anguías foi tardío. Canto máis cerca se viva da costa, onde se está máis pendente das escasas angulas, menos interese tense polas súas irmás maiores. O afán de recuperar ese tempo perdido lévame a sentir predilección por elas. As capturadas actualmente no Miño destínanse a consumo dos propios pescadores e as que se comercializan chegan de fóra. A pesar diso, a sabedoría culinaria fai que o prato valla a pena.

Portomarín, Paradela, O Páramo e Guntín son os únicos municipios onde se poden coller anguías. Os pescadores deste oasis quedan cunha pequena cota e trasladan río abaixo a outra parte das capturas, ata o encoro de Frieira, para que poidan seguir ata o mar. Así evitan que os exemplares queden atrapados nas presas e permítenlles completar o seu ciclo vital. á súa vez, recollen as cativas en Frieira para transportalas río arriba.

Despois de comer no Mesón do Loio é obrigado dar un paseo polo próximo Portomarín. é un pracer nestas datas ver o encoro baleiro, cos caneiros ao descuberto. Un camiño que parte dun extremo da ponte próxima ao Mesón permite baixar ata as terras que non cobre o encoro por mor da seca.

Comentarios