Dúas empresas de Palas de Rei e Mesía recollen os premios Alimentos de España

XXVI Premios Alimentos de España / Foto: MagramaA ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, resaltou este martes que a aposta pola calidade, a innovación e a internacionalización constitúe "a esencia do éxito" dos alimentos e a cociña española en todo o mundo. A ministra fixo esas declaracións en Córdoba, onde entregou os Premios Alimentos de España, que na súa vixésima sexta edición tiveron dous destinatarios galegos: A Parada das Bestas, de Palas de Rei (Lugo), e a Casa Grande de Xanceda, de Mesía (A Coruña).

García Tejerina destacou que os alimentos españois son demandados por consumidores de todo o mundo, o que fixo que as exportacións agroalimentarias teñan alcanzado os 40.000 millóns de euros nos últimos doce meses, e tamén que España reciba sete millóns e medio de turistas "por razóns gastronómicas".

Neste marco, a ministra entregou uns premios que recoñecen o labor desenvolvido por empresas e profesionais que se distinguiron por producir, ofrecer e divulgar os alimentos de calidade españois en oito modalidades.

No apartado de Industria Alimentaria, o gañador foi Protos Bodega Ribera de Duero de Peñafiel (Valladolid) como referente nos viños de calidade e polo seu gran coñecemento da Ribeira do Douro, mentres que no apartado de Restauración, o galardón recaeu en A Parada das Bestas, establecemento de Palas de Rei (Lugo), pola súa vinculación coa contorna rural e a utilización de produtos propios e denominacións de orixe da comarca.

No apartado de Produción Ecolóxica, o premio foi para a Casa Grande de Xanceda, de Mesía (A Coruña), pola súa actitude de conciencia e respecto cara á biodiversidade.

Algúns destes premios foron entregados polo meteorólogo Roberto Brasero, quen foi premiado na categoría de Comunicación polo programa "Tu Tiempo", que dirixe e presenta.

Borges Mediterranean Group, de Reus (Tarragona), obtivo o premio á Internacionalización Agroalimentaria pola súa presenza en máis de 100 países e con 15 filiais propias, que dan emprego a máis de 1.000 traballadores.

Ademais, o mellor Aceite de Oliva Virxe Extra foi Finca La Reja, de Bobadilla-Antequera (Málaga), o Mellor Queixo recaeu en Ganaderías Arangas, de Arangas de Cabrales (Asturias), e o Mellor Viño foi ex aequo para Bodegas Murviedro, de Requena (Valencia) e Bodega Dehesa del Carrizal, de Retuerta del Bullaque (Cidade Real).

Finalmente, o Premio Extraordinario Alimentos de España foi para Bodegas Vega Sicilia, de Valbuena de Duero (Valladolid), cuxo propietario, Emilio Álvarez, agradeceu en nome de todos os premiados o recoñecemento por parte do Goberno de España, que "sempre supón un estímulo".

Comentarios