Dúas novas iniciativas culinarias potencian produtos de Ribadeo

Gonzalo Pañeda, con hosteleros de Ribadeo (Foto: VILLAPOL)
photo_camera Gonzalo Pañeda, con hosteleros de Ribadeo (Foto: VILLAPOL)

A delegación de desenvolvemento local e turismo de Ribadeo acaba de pór en marcha dúas novas propostas gastronómicas que teñen como eixo fundamental a potenciación dos produtos do municipio, tanto do mar como da horta.

A responsable da devandita concellaría, a nacionalista Ana María Martínez, explicou que ambos os produtos se denominan ‘Bono Gastronómico' e ‘Sabores de Ribadeo'. Con eles pretenden «potenciar a gastronomía da zona, do producido e feito aquí, achegarnos á calidade e frescura da proximidade e do valor que achega á nosa economía local».

Estas dúas iniciativas basearanse en sacar adiante produtos adecuados ao perfil e á demanda das diferentes tipoloxías dos establecementos de restauración de Ribadeo.

O Bono Gastronómico defíneo Ana María Martínez como «un produto de calidade composto por un menú degustación dirixido a restaurantes que deberán cumprir cuns requisitos que serán establecidos por un profesional da materia e que neste caso estará asesorado e validado polo cociñeiro Gonzalo Pañeda, que rexenta actualmente o restaurante El Puerto en Xixón e que conta cunha estrela Michelín», explicou.

A edil engadiu que con esta iniciativa queren crear un produto de referencia non só para Ribadeo senón para toda a zona, cunha imaxe de calidade e que ademais se poderá vender a través de internet servindo así de agasallo para calquera ocasión especial.

En canto ao paquete denominado ‘Sabores de Ribadeo', baséase tamén en produtos da zona pero no seu caso dirixido a bares, mesóns e outros locais que non teñan cabida no Bono Gastronómico.

A concelleira nacionalista ribadense explicou que neles «conformarase unha oferta de tapas e racións baseada en produtos de Ribadeo e a súa contorna». Para a difusión destes produtos «aproveitarase a aplicación informática ‘Ribadeo gastronómico', recentemente empregada con tanto éxito non concurso gastronómico Ribadeo de Tapeo», avanzou.

Comentarios