Listaxe de gañadores

Educación premia a unha vintena centros polos seus proxectos de innovación

O conselleiro destaca a importancia da innovación nas metodoloxías de ensino "nunha sociedade de cambios constantes"

Unha vintena de centros educativos foron galardoados este venres na II edición dos Premios Proxecta de Innovación Educativa, correspondentes ao curso 2016-2017, polo seu traballo a favor das novas metodoloxías de ensino, a educación en valores e o fomento da creatividade e as dinámicas de vangarda.

Estes premios, impulsados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, buscan así recoñecer o esforzo e o compromiso de alumnos e profesores coa innovación e a motivación e o fomento do emprendemento, valores cívicos e sociais, o pensamento crítico, a igualdade, a diversidade ou a integración social.

Na primeira categoría, dirixida a escolas de infantil e de primaria, colexios rurais ou de educación especial, destacaron os proxectos do CEIP de Rubiáns de Vilagarcía de Arousa (primeiro premio) e do CEIP de Laredo, en Redondela .

Coa proposta Ou mar de sabela, os alumnos e profesores do CEIP Rubiáns desenvolveron un proxecto documental centrado no medio mariño, ligado ademais a outros programas sobre hábitos de alimentación saudables, deportivos e sobre o coidado da contorna.

O CEIP de Laredo, pola súa banda, deseñou unha microempresa educativa con fins solidarios en apoio á asociación Amencer de familias con nenos con necesidades educativas especiais.

Así mesmo, o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e o IES Carlos Casares de Vigo foron os galardoados na categoría B, dirixida a centros integrados, institutos de secundaria e de formación profesional, entre outros.

No primeiro caso, un centro "con longa traxectoria" no programa, os proxectos centraron o seu traballo en iniciativas que se integran en todas as etapas educativas. Entre elas, o rastro solidario as 'micromovies' ou xogos centrados na diversidade funcional, ademais doutros de base tecnolóxica nun contexto rural.

O centro vigués desenvolveu o proxecto Casariándonos, centrado na a figura de Carlos Casares, homenaxeado este ano nas Letras Galegas, e no que se traballaron diversas cuestións sobre a lingua galega, como unha proposta de cartelería que foi seleccionada no concurso-exposición convocado polo 17 de maio.

PREPARAR "O FUTURO"

A biblioteca Neira Vilas da Cidade da Cultura de Santiago acolleu o acto de entrega de premios, no que varios dos centros gañadores mostraron vídeos e explicaron as propostas de innovación desenvolvidas o pasado ano.

Alí, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou que neste evento hai unha representación "moi significativa" da "gran familia" do sistema educativo, "todos os elos dunha cadea" da que depende o "futuro" da comunidade autónoma.

Por iso, valorou a importancia de que o sistema de resposta "a unha sociedade de cambios constantes", aos que se deben adaptar con estratexias para "prepararse cara a un futuro" cada vez máis globalizado e tecnologizado.

O programa rexistrou un incremento de participantes respecto da súa primeira edición, pasando de case 60.000 a máis de 80.000 alumnos e de 18 a 41 programas. Na súa nova edición, para a que se acaba de abrir o prazo, haberá un total de 45 programas diferentes sobre ámbitos como a saúde, a alimentación, a ciencia, a tecnoloxía ou a igualdade.

Comentarios