Comida árabe caseira e natural, tamén para levar

merbah1.jpg
photo_camera merbah1.jpg

A rúa Liberdade é unha parte da zona vella de Ourense pouco percorrida polos nativos e aínda  por descubrir para os visitantes pois, a pesar do seu nome, é un calexón que no mes de xuño forma parte do corazón festivo da cidade pero durante o resto do ano só recibe aos seus moradores e feixes de luz da veciña praza de San Marcial.

Nesa rúa, o alxerino Abdelouab Merbah Chorfi atopou un edificio de catro plantas para vivir, con veciños solidarios e xenerosos, segundo explicou a GG, que ademais lle animaron a abrir no baixo un restaurante cos obxectivos de atraer paseantes á parte medieval da cidade e a comensais ansiosos de sabores e aromas árabes, ata agora inexistentes na cidade das Burgas.

Moitos incondicionais da comida árabe e poucos restaurantes

Merbah é consciente de que en Galicia, como no resto de España, moitas persoas viaxan a Marrocos de vacacións e para coñecer unha cultura diferente e normalmente ese é o momento no que descobren a comida árabe pero á volta a casa, non teñen lugares nos que desenvolver a súa nova afección culinaria.

"En Francia fun xefe de cociña nun restaurante que ofrecía pratos franceses e árabes e era un dos moitos que había, pero en Galicia apenas hai algún restaurante deste tipo na Coruña e pouco máis" ,explicou.

Ambiente árabe para comer "como deus manda"

O local alugado por Merbah ten espazo para unha pequena barra e once mesas rodeadas por unha decoración que aos poucos, desde a apertura no mes de maio, incorpora elementos traídos polo propietario en múltiples viaxes á súa terra natal.

Unha parede do comedor xa está enmarcada por un pequeno arco de escaiola que rodea a frase "como deus manda", en árabe, e representa para Abdelouahab o criterio que aplica na súa oferta gastronómica: só comida natural, tradicional, con moitas verduras, carne e peixe de calidade, especiada e elaborada nun proceso "moi lento" no que cada prato leva unhas 3 horas de preparación, segundo explicou.

Pratos estrela e vexetarianos

O restaurador alxerino elabora o cuscús como se facía na súa casa, con salsa branca e pouca verdura -non con tomate- e acompañado por pito e tenreira, por separado ou xuntos.

Tamén prepara un tajine de pito con allos porros, de oferta frecuente en Francia, cuxo nome árabe corresponde tanto á receita de carne con hortalizas e especias variadas como ao recipiente  de barro con tapa cónica no que se serve.

O peixe ten o seu lugar nesta cociña alxerina coas albóndigas de sardiña, tradicionais da capital Alxer..

A esta oferta estival súmaselle o tradicional "borak" ou "burek" alxerino, elaborado con pasta brick, pito, tenreira e patacas, as "falafel" ou croquetas esponxosas de garavanzos, as "kefta" ou albóndigas de carne picada e hamburguesas caseiras de tenreira.

A oferta invernal estrearase en poucas semanas e incluirá ademáis potaxe árabe, sopa de peixe, sopa alxerina de verduras ou "chorba" e outras especialidades que Merbah elaborará pensando tamén nos comensais vexetarianos.

A comida pode encargarse e ir buscala ao restaurante "Arabika" para a súa degustación en casa ou no propio local e poderase acompañar con bebidas sen alcol, diferentes tés ao estilo alxerino, e auga.

De sobremesa máis té e doces tradicionais

O té é a bebida tradicional árabe e acompaña tanto a un aperitivo como a unha sobremesa e ambos se unen no local de Merbah, onde se poderá elixir entre sobremesas alxerinas como os de améndoa e cacahuete decorados cunha capa de azucre de diferentes cores, italianos como o tiramisú ou franceses como o mousse de chocolate ou a torta de crema queimada ou "brûlé".

Comida árabe tamén durante o Ramadán


Abdelouahab pasou este ano o seu primeiro Ramadán -período de xaxún- compaxinado cos traballos da cociña pero conseguiu non pechar ningún día -salvo os luns como sempre- aínda que, segundo dixo, preparar as ceas encargadas resultoulle especialmente duro pois coincidían no momento no que podía inxerir alimentos, segundo as prescricións relixiosas.

"Neses días tardei un pouco máis en preparar os encargos pero sempre llo expliquei aos clientes e nunca houbo problema", agregou.

O Ramadán terminou hai unha semana e o restaurante "Arabika" recupera agora o seu ritmo normal,só durante unhas semanas pois en pleno outono será un dos establecementos que participe no programa da "Intercultural", semana de actividades que incluirá un mercadillo de artesanía de varios países e degustacións de pratos tradicionais.

Comentarios