Sabor a viño portugués nas rúas de Santiago

O concello do Porto visitou estes días Santiago de Compostela para presentar en sociedade os viños premiados no concurso Best Wine Tourism 2009/2010 nun acto celebrado na Oficina de Turismo do Porto e Norte de Portugal.

Foi o concelleiro da área de asuntos económicos do Porto, Manuel de Sampaio Pimentel, quen oficiou a presentación, que contou coa presenza dos vencedores nas seguintes categorías: Experiencias Innovadoras en Enoturismo, Restaurantes Vinícolas, Servizos de Enoturismo e Prácticas Sustentables en Enoturismo.

O Presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Melchior Moreira, subliñou á súa vez a importancia do mercado galego para o desenvolvemento turístico do norte do país luso pola súa proximidade, tanto cultural, como física. Doutra banda, de Sampaio Pimentel presentou a capital galega como un enclave privilexiado para a promoción turística e vinícola do norte de Portugal nun plano nacional e internacional, neste ano Xacobeo no que se espera unha gran afluencia de visitantes en Compostela.

O concello do Porto promove o concurso 'Best of Wine Tourism' desde o 2003 que se leva a cabo simultaneamente en oito capitais mundiais de rexións vitivinícolas recoñecidas internacionalmnte (O Porto, Bordeus, San Francisco, Bilbao, Florencia, Mendoza, Mainz e Cidade do Cabo) e premia a promoción e servizos de enoturismo en función da acollida do visitante.

En Portugal as rexións con máis forza vinícola neste ámbito son a de 'Porto e Douro' e a de 'Vinhos Verdes', ambas no norte do país luso. De Sampaio Pimentel subliñou a importancia deste concurso para a promoción turística do Porto e Norte de Portugal. 'Quinta Nova de Nossa Senhora do Carmo', que gañou o recoñecemento a Experiencias Innovadoras en Enoturismo, agradeceu a través da súa responsable de mercadotecnia, Paula Sousa, a oportunidade de promocionarse na capital de Galicia e invitou aos presentes a acudir a unha cata de viños.

No ámbito de Prácticas sustentables en Enoturismo o premiado foi 'Tinto Bom', viño producido mediante agricultura biolóxica na rexión de 'Vinhos Verdes'. O seu representante no acto resaltou "estar a seguir os pasos daqueles que producían viño hai cen anos" e quixo deixar constancia do esforzo que supón o éxito dun produto que estaba a ser esquecido e o gratificante dun "premio ao traballo" como o que recibira.

Best of Wine Tourism é, segundo palabras de Sampaio Pimentel, "a única asociación mundial que consegue agrupar a países viticultores de vello e novo mundo". A rede vitivinícola levou a cabo múltiples proxectos desde a súa creación para a promoción das rexións vitivinícolas desde o punto de vista turístico, académico e de desenvolvemento económico. Isto é posible grazas a diferentes axudas ás empresas e bolsas de investigación que permiten a estudantes da área viticultora o desenvolvemento dos seus proxectos empresariais e académicos.

Comentarios