O centro de negocios Galicia Europa organiza un seminario de viños galegos no Concurso Mundial de Bruxelas

O centro de negocios Galicia Europa dará a coñecer os viños galegos a través dun seminario que terá lugar mañá durante a xornada informativa previa ao concurso mundial de Bruxelas, que se celebrará en Valencia do 25 ao 27 de abril. A sesión correrá a cargo do presidente da Asociación Galega de Catadoras, David Barco, quen tratará na súa exposición as características diferenciadoras dos caldos das 5 D. O. galegas (Monterrei, Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras).

Será un seminario de carácter técnico destinado aos máis de 250 catadores inscritos, así como a un nutrido grupo de xornalistas especializados procedentes de todo o mundo. Entre as 15 e as 19 horas do 24 de abril, someteranse a cata un total de 26 viños brancos e tintos seleccionados polo prestixioso catador.

Viños galegos a concurso
Este escaparate de referencia no mundo do viño contará coa presenza de máis de 6.000 viños españois, entre eles 90 das cinco denominacións de orixe galegas. Este evento que se celebra anualmente constitúe unha oportunidade única para os viticultores galegos, xa que lles permitirá presentar os seus produtos a escala mundial e darse a coñecer no circuíto profesional e obter recoñecemento internacional.

15 anos de certame

Creado en 1994, o Concours Mondial de Bruxelles implantouse no reducido grupo de 'campionatos do mundo' de viño con máis de 6.000 produtos a competición. Ao certame asisten unicamente profesionais e o xurado componse cada ano dun número máis amplo de expertos internacionais do viño.

Preto de 40 nacionalidades estarán representadas nesta edición.

Centro de Negocios Galicia Europa
O CNGE é a aposta pola internacionalización da empresa galega. Desde o ano pasado, o equipo de xestores externos traballa para ofrecer todas as facilidades na súa aventura exportadora no ámbito europeo.

Os empresarios poden atopar nesta plataforma toda a información, asesoramento e ata as infraestruturas que necesitan para finalizar con éxito a súa apertura a novos mercados.

Comentarios