O ciclo 'Move Music & Food' reúne ritmos electrónicos con gastronomía galega

O vindeiro venres 26 de marzo inaugúrase na Coruña o ciclo de música electrónica 'Move Music & Food' que ten como misión unir música e gastronomía das cidades do Camiño de Santiago. Deste xeito poderanse degustar produtos típicos galegos e outros procedentes da nova cociña coruñesa, primeira das cidades participantes, mentres que os asistentes gozarán dos ritmos do DJ alemán Michael Meyer, un referente europeo grazas á súa unión de tecno e pop.

Este mércores tivo lugar a presentación do evento que se celebrará en ExpoCoruña. Durante a súa exposición aos medios, Xosé Henrique Tello, primeiro tenente de alcalde da Coruña, sinalou que ''esta iniciativa é un modo de apoiar e fomentar a actividade turística da Coruña, ao mesmo tempo que promocionar o espazo de ExpoCoruña''. Pola súa banda, Ana Montes, directora xerente desta sala de eventos, destacou ''a singularidade dun evento que celebra xa a súa terceira edición e que nesta ocasión introduce unha gran novidade: a inclusión da gastronomía de cidades do Camiño de Santiago, nun ano tan especial como este. Nos anos anteriores máis de 10.000 persoas asistiron a estas sesións e esperamos polo menos repetir asistencia''.

Durante os meses de xullo e agosto ExpoCoruña unirá á música de vangarda, a través dalgúns dos Dj´s máis recoñecidos como Michael Mayer, Carl Craig ou Mark De clive, coa gastronomía do Camiño de Santiago. Deste xeito, cidades como A Coruña ou Xixón o próximo 28 de maio achegarán as súas propostas gastronómico-culturais aos asistentes a esta proposta musical e de lecer, de entrada libre e gratuíta.

Comentarios