O CRDO Rías Baixas protagonizou unha xornada profesionais en N E con 50 xornalistas

O Consello Regulador do D.O. Rías Baixas, en colaboración co ICEX e o IGAPE, continúa coa campaña de promoción dos viños brancos de calidade españois en EEUU. Vermilion Restaurante, na cidade de Nova York, acolleu onte un seminario técnico sobre a Denominación no que participaron un total de 50 xornalistas especializados. Con esta actividade preténdese crear valor de marca deste D.O. en Estados Unidos, un dos obxectivos principais dos coordinadores da campaña. Nova York é un mercado relevante para este D.O., que xa está presente a través de diferentes marcas nas cartas de restaurantes e nas tendas especializadas.

O acto estivo moderado por Paul Grieco, co-propietario e sommelier de dous restaurantes e unha vinoteca en Nova York, que estivo acompañado na mesa por tres adegas de Rías Baixas, cuxos enólogos explicaron aos presentes a historia da marca do viño que presentaban, información sobre a denominación de orixe (vendima, envellecemento dos Albariños-Rías Baixas, comparación das anadas 2007 e 2008…), e posibles maridaxes destes viños. Seguidamente, os cincuenta profesionais que asistiron a este acto cataron 8 viños desta denominación de orixe, para iso, contaron cunha información técnica de cada un, así como con información xenérica deste Consello Regulador.

O seminario finalizou cunha comida-maridaxe, na que os profesionais puideron comprobar as posibilidades dos viños de Rías Baixas. Como xa se manifestou noutras ocasións, estes viños son moi versátiles para o consumidor estadounidense e adáptanse moi ben aos seus hábitos de consumo, pois a parte de poder gozalos sos maridan perfectamente con diferentes cociñas que se consomen nese país. José Guerra, da Oficina Comercial de Nova York,  opina que  “o interese destes viños está por explotar, pois é un mercado con maior capacidade de absorción”, sobre todo se temos en conta que o 30 % do viño que se consome en Estados Unidos procede de fóra.

Quince adegas do D.O. Rías Baixas participan na campaña de USA este ano, dentro da cal están previstos viaxes de prensa e de profesionais, eventos con somelieres, rutas de tapas para presciptores, a participación nos tradicionais Great Match, no seminario que se celebra no Instituto Culinairo de América, así como nos Premios James Beard, considerados os Oscars da gastronomía en Estados Unidos, entre outros eventos.

A campaña, que se atopa no quinto ano consecutivo e conta coa colaboración do ICEX e o IGAPE, ten un custo anual de 750.000 €. Na actualidade, Estados Unidos é o principal mercado deste Consello Regulador, concentrando o 52% das exportacións.

Comentarios