O diario Telegraph escolle un Albariño entre os mellores cinco viños españois

En datas recentes o diario británico Telegraph recomendaba cinco viños españois co titular ‘Spanish wine: what to look for' (Viño español: Que buscar). Entre eles destacábase un Albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas, o Lagar de Cervera 2008, ao que o diario describe como ''fresco e seco e ideal con calquera tipo de marisco''.

Robert Joseph, o encargado de realizar este artigo, é un especialista vinícola do Telegraph e director da revista Wine Magazine e todo un prescriptor en Inglaterra. Joseph seleccionaba, entre os viños brancos, ademais do mencionado Albariño, un viño da Conca de Barberá elaborado por Bodegas Torres. Trátase do Milmanda Chardonnay 2007, ''posiblemente un dos mellores brancos secos españois'', asegura o xornalista.

O Telegraph facía ademais unha selección de tres viños tintos. Do Vega Sicilia Único 2003 fálase como ''un dos clásicos e de máis alto nivel da Ribeira do Douro''. O L'Ermita 2003 está considerado un dos buques insignia de Álvaro Palacios no Priorato e o Prado Enea 2003, elaborado por Adegas Muga en Rioxa salienta pola súa elegancia e a súa crianza, xa que pasa tres anos en barrica e outros tres en botella antes de lanzarse ao mercado.

Robert Joseph foi o encargado da sección de viños do Sunday Telegraph durante 16 anos e o autor das guías ‘Good Wine Guide', que anualmente editaba esta publicación. Agora colabora co xornal, publica libros vitivinícolas, como ‘Bourdeaux and its wines', e é o director e creador da revista británica ‘Wine Magazine' ademais de colaborar noutros medios como ‘Food & Wine Magazine' en EE.UU.

Comentarios