Cambados premia a primeira tese doutoral galega sobre enoloxía

A 58 Feira do Viño Albariño Rías Baixas quedou inaugurada no Paseo da Calzada, onde se instalaron 40 adegas que durante cinco días ofrecerán os seus viños en maridaxe con concertos como os de "Love of Lesbian", Alex Ubago, Pastora Adoitar ou Mikel Erentxun, e cunha xornada técnica prevista para o venres día 30 de xullo.

O domingo concentrará os actos de nomeamentos e entrega de galardóns, como o do enólogo David Landín que recibirá unha "Folla de Prata" pola súa tese doutoral dedicada ao uso do potasio como fertilizante en 12 parcelas da comarca do Salnés, estudadas durante catro anos e cun resultado que foi cualificado con sobresaínte "cum laude" o día 24 de xuño de 2010  por un tribunal da universidade de Santiago de Compostela e da de Tarragona.

Landín obtivo o título de Enxeñeiro Agrónomo en Lérida e a licenciatura de Enoloxía en Tarragona e puido realizar a súa investigación cunha bolsa da Deputación de Pontevedra.

O gasto en potasio podería reducirse un 33 por cento pero os viticultores non o saben

A tese de Landín concluíu, entre outras cousas, que nas Rias Baixas se practica unha sobrefertilización con potasio, pois como media atopou 350 partes por millón dese elemento nos chans estudados e, tras a súa investigación, determinou que sería suficiente unha concentración de 200 partes por millón.

"Isto suporía unha redución no gasto en fertilizantes con potasio e unha mellora na composición dos mostos pero estes datos non chegan aos viticultores porque non hai ningunha pauta de transferencia de coñecementos dentro do sector", explicou.

Nese sentido, dixo que por mor da súa tese está esbozado outro posible estudo sobre a importancia da choiva na absorción de potasio por parte dos chans que levaría a coñecer as consecuencias do regadío nos viñedos "pero na comarca vitícola Rías Baixas non se está apostando ata agora, pola investigación e difusión destes estudos", agregou.

O enólogo premiado é asesor na adega Pazo de Bouciña na que si se poñen en práctica os seus achados dende hai cinco anos e tamén nas 10 hectáreas forestais que el comezou a prantar con cepas de albariño hai tres anos e das que espera recoller en setembro de 2010 unha primeira colleita de algo máis de 8.000 quilogramos de uva.

Primeira variedade galega de uva con etiquetaxe restrinxida a D.O.

Na inauguración da Feira do Albariño do día 28 de xullo, o conselleiro de Medio Rural Samuel Juárez, recordou que xa está en vigor unha Orde publicada no DOG que só permite o uso de etiquetas co nome da variedade "albariño" en botellas de viños amparados pola denominación de orixe (D.O.) Rías Baixas e non nos Viños de Mesa "para protexer así os viños de calidade da competencia desleal que poderían exercer os outros".

A Orde restrinxe un aspecto da etiquetaxe que a Unión Europea deixou aberto nas últimas negociacións para a Organización Común do Mercado do Viño (OCM) e que podería dar pé, no futuro, "a picaresca de que os viños que non son D.O. puidesen parecer da mesma calidade por levar o nome da variedade de uva branca albariña" explicou a GG o presidente do Consello Regulador do D.O. Rías Baixas, José Ramón Meiriño.

Viño como eixo económico en Cambados

Nos discursos inaugurais, os distintos representantes institucionais aludiron ao tirón da feira do viño sobre diversos sectores económicos da comarca pois o viñedo é o sustento para 6.500 viticultores e 192 industrias e os cinco días de feira supoñen unha afluencia estimada de case 300.000 visitantes que xeran unha ocupación hostaleira plena.

Segundo datos do Consello Regulador do D.O. Rías Baixas, a produción do ano 2009 que agora se pode degustar na feira de Cambados, foi de 16 millóns de litros cun valor económico estimado de case 90 millóns de euros.

Xornada técnica para saber máis

O venres día 30 de xullo os interesados poderán asistir, no Museo Etnográfico do Viño en Cambados, a varias conferencias pola tarde ao redor da produción do viño albariño, a relación do consumidor co viño a través das redes sociais e o punto de vista da catadora "Nariz de Oro 2010" Andrea Alonso Castaño.

"Cabaleiros, Doas" e Follas de Prata

O domingo serán nomeados e investidos "Cabaleiros e Donas" do Capítulo Serenísimo do Albariño a actriz María Castro, a escritora Soledad Puértolas, os conselleiros Roberto Varela e Agustrín Hernández, o adegueiro Fernando García Bandeira e o director xeral da Xunta, cambadés e adegueiro Ricardo García Borregón.

O "chanceler" do Capítulo Serenísimo Pedro Piñeiro, explicou a GG que o colectivo defensor do albariño naceu en 1960, sete anos despois do inicio da feira, e conta xa con máis de 300 Cabaleiros e Doas.

As "Follas de Prata" recoñecen o traballo desenvolvido por adegueiros e enólogos do sector e serán para Juan Maquieira Cacabelos de Salnés "", José Santiago "de Adegas Val Miñor O Rosal", Ignacio Santos, Encarnación Rivas, Confraría de Aceites de Baena (Córdoba), Casa Rosita, Manuel García de Pazo "Galegos" e David Landín.

As investiduras e nomeamentos contarán ca presencia do presidente de Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo según os organizadores.

56 viños para dúas catas

Os dous últimos días da feira, 31 de xullo e 1 de agosto, o parador de Cambados será o escenario da XXII Cata Rías Baixas, con 56 viños da colleita de 2009 que cojpetirán por estar entre os tres mellores.

Os seleccionados o día 31 pasarán á cata final que será ás 11 horas do domingo 1 de agosto con entrega de premios pola tarde.

Comentarios