O galego Ignacio Costoya, mellor maitre de España

O galego José Ignacio Costoya foi o gañador do II Campionato de España de Xefes de Sala-Maîtres, cuxo fallo se deu a coñecer no marco do XXIV Salón Internacional do Club de Gourmets.

Costoya erixiuse en vencedor do concurso, dotado cun premio 3.000 euros e coa participación no XIII Campionato de España de Cociñeiros como maître oficial, por encima doutros sete competidores. ''As claves dun bo maître consisten en ser primeiro un bo camareiro e depender dun bo persoal de sala, iso vai ligado despois á cociña, pero non hai bos maîtres se non contas cun bo persoal de sala. E ten que ser vocacional e debes saber que te dedicas ao servizo e non ao servilismo'', indicou o gañador.

O maître, que actualmente desempeña a súa función no restaurante del Corte Inglés de Vigo, explicou que este tipo de concursos serven para reivindicar a súa profesión e intentar que os chefs lles fagan ''un pouquiño de caso''. ''Teremos que buscarnos o noso sitio, durmímonos, deixámonos ir e agora mesmo estamos a pagar as consecuencias'', engadiu Costoya.

Todo inflúe á hora de traballar do maître, sostivo o galego, calquera apreciación, calquera toque, calquera xesto, calquera detalle, calquera postura corporal ou actitude. O premiado espera que este galardón contribúa a que en Galicia se valore a súa profesión e se descarte a idea de que ''para camareiro serve calquera persoa''.

As probas
Esta competición, na que tamén participaron maîtres de Andalucía, Asturias, Baleares, Canarias e Cantabria, organízana a Asociación de Novos Restauradores de Europa e España e o Grupo Gourmets.

Os participantes tiveron que demostrar o seu talento á fronte dunha sala mediante seis probas e diante dun xurado de 10 persoas, entre os que se atopaban o presidente da Asociación, Ramón Dívos, e o que foi director do restaurante Zalacaín durante máis de 30 anos, José Jiménez de Blas.

En primeiro lugar, tiveron que montar unha mesa para cinco comensais para servir a continuación tres cañas e dous terzos de cervexa e cortar dúas racións de xamón de 100 gramos cada unha. Os maîtres houberon de demostrar o seu control e delicadeza á hora de elaborar e expor un menú de tempada e de trinchar e emplatar un linguado e un pito. Para rematar, tiveron que preparar un café espresso e un capuchino.

Á marxe de cada proba concreta, o xurado avaliou a calidade da atención ao cliente despregada polos oito aspirantes ao título de mellor maître, entre os que só había unha muller: a representante de Baleares.

Os competidores, con idades comprendidas entre os 18 e os 45 anos, eran tanto profesionais como estudantes de hostalería e foron seleccionados para participar no campionato mediante probas nas distintas comunidades autónomas.

Comentarios