O mellor viño de montaña de España é un Ribeira Sacra

Cata en el concurso de Aosta (Foto: Cervim)
photo_camera Cata en el concurso de Aosta (Foto: Cervim)

O mellor “viño de montaña” de España é un Ribeira Sacra. Un caldo de Adegas Moure, da subzona de Ribeiras do Miño, recibiu este recoñecemento como Premio Especial Cervim 2008 no XVI Concurso Internacional de Viños de Montaña de Aosta, en Italia.

O certame tivo lugar a principios de xullo e agora déronse a coñecer os viños premiados, segundo informa o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A entrega de galardóns farase en setembro.

Ademais deste recoñecemento, na categoría de mellor caldo de cada país, en Aosta foron premiaron con mención de honra (con puntuacións superiores a 80 sobre 100) outros catro viños desta D.O: Cardenal Rodrigo de Castro (Adega Soutelo, subzona de Amandi); San Mamed (adega de Rosa María Pumar, subzona de Quiroga-Bibei); Regina Expression (adega Regina Viarium, subzona de Amandi) e Val do Frade (SAT Os Ermitaños, subzona Quiroga-Bibei).

Forte pendente
Desde o D.O. Ribeira Sacra explican tamén que este certame de Aosta ten como peculiaridade que convoca aos viños de todo o mundo que se producen en zona de forte pendente, e esta Denominación ten a maior parte dos seus viñedos neste tipo de territorio. Ademais, engaden, hai anos que acode á cita italiana, “colleitando sempre importantes éxitos”.

Comentarios