O Parlamento rexeita que os viños sen D.O. se etiqueten con uvas galegas

O Parlamento galego aprobou unha proposición non de Lei do Partido Popular pola que a Cámara reclamará ao Goberno español que impida que os viños sen denominación de orixe empreguen na súa etiquetaxe os nomes das variedades de uva autóctonas do país.

A comisión parlamentaria de agricultura, agroalimentación, gandería e montes aprobou por unanimidade dos tres grupos parlamentarios a proposición da deputada Rosa Oubiña, quen incluíu no texto da mesma unha emenda presentada pola deputada do BNG Tareixa Paz.

Segundo a promotora da proposición, os consumidores poderían verse ''enganados'' se un viño que non pertence a unha denominación de orixe regulada empregase na súa etiquetaxe o nome da variedade de uva característica dunha delas, como, por exemplo, a cepa 'albariño', coa que se realiza máis do 95% da produción do D.O. Rías Baixas.

O caso Albariño
Oubiña afirmou que o texto aprobado busca ''velar por unha competencia leal e un mercado transparente'', xa que, segundo indicou, o tipo de uva, como no caso do albariño, converteuse en ''sinónimo'' da súa denominación de orixe.

A deputada do BNG Tareixa Paz afirmou que se debe ''impedir que algúns se beneficien do traballo dos vinicultores galegos'', e recordou que o Estado debería actuar, para levar a cabo a reclamación da Cámara galega, no ámbito da regulación europea da organización comunitaria do mercado (OCM).

Paz preguntou á deputada do PP se podía ''asegurar'' o apoio do seu grupo político no Congreso dos Deputados a esta iniciativa, xa que só unha votación favorable neste ámbito garantiría a exclusión das viníferas autóctonas galegas das etiquetaxes dos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida.

A deputada do PSdeG Sonia Verdes mostrou a súa preocupación polos produtores dos 'viños da terra' de Arousa, unha zona excluída do D.O. Rías Baixas, pero cunha ''estimable achega'' á cultura vinícola e ao coidado paisaxístico da máis grande das rías galegas.

Denominacións de Orixe galegas
Verdes subliñou o feito de que ningunha das cinco denominacións de orixe galegas; Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, empreguen o nome da súa variedade tradicional de uva na súa denominación.

Na súa quenda de réplica, Oubiña mostrou a súa preocupación por certos aspectos da OCM, que permitirían a entrada de grandes empresas vinícolas en Galicia, así como por que ''embotelladores mediocres'' empreguen a denominación de uvas tan recoñecidas como a variedade albariño ou godello.

Comentarios