Galicia exporta ''boas prácticas'' a América, Europa e África para unha pesca e venda sostibles

pescalira6.jpg
photo_camera pescalira6.jpg

Un ano antes de que o afundimento do petroleiro "Prestige" (en novembro de 2002) puxese en xaque aos pescadores e mariscadores do Atlántico galego, a confraría de Lira comezara un proceso de revalorización da profesión de pescador e do sistema de pesca artesanal e, ao mesmo tempo, a creación dun Área Mariña Protexida no seu litoral.

O proceso iniciado en 2001 foi o resultado dun traballo iniciado polo profesor de Antropoloxía da universidade da Coruña Antonio García Allud, que en 1999, segundo explicou a GG, reunira información sobre comunidades pesqueiras de Latinoamérica, África e toda Galicia.

Coñecer o problema para buscar solucións

Allud identificou como gran problema do sector pesqueiro artesanal, entre outros, a difícil comercialización deste peixe e cun equipo multidisciplinar (de ámbitos como a economía, ciencias políticas, bioloxía, ciencias sociais e ambientais) elaborou un modelo teórico para eliminar aos intermediarios dese proceso de comercialización.

O modelo supuña a implicación do sector pesqueiro na posible solución e, tras participar na creación da empresa comercializadora "Lonxanet", os pescadores de Lira involucráronse na elaboración dun plan que abordou os demais problemas da pesca artesanal e na creación, en 2002, da Fundación Lonxanet, dirixida por García Allud e patroneada polas confrarías de pescadores de Lira e Cedeira.

Coidadores do mar

A Fundación Lonxanet ten como obxectivos preservar a pesca artesanal como a única sostible e respectuosa co mar, e dar dignidade aos que viven dela impulsando o seu recoñecemento social como coidadores do mar e custodios dos seus ecosistemas que son patrimonio de todos os humans, segundo García Allud.

Os proxectos que se puxeron en marha desde 2002 contan cunha co-xestión única no mundo neste tipo de actuacións pois correa cargo da Fundación Lonxanet (na que están a título individual pescadores de Lira e Cedeira e representantes doutros sectores sociais) e das confrarías implicadas.

"Desde fai 3 anos, temos a primeira Área Mariña Protexida do mundo con este sistema de co-xestión e notamos que esperta o interese doutras comunidades pesqueiras artesanais ás que mostramos as nosas actividades destinadas a pór en valor ao pescador, ao sistema artesanal de pesca e ao peixe obtido", engadiu.

Nese sentido, o secretario da confraría de pescadores de Lira, Emilio Louro, explicou a GG que desde a creación do Área Mariña Protexida "Os Miñarzos" de Lira, este pobo de mil habitantes,no municipio de Carnota, recibiu a visita de máis de 10.000 persoas integrantes de delegacións de 34 países de todo o mundo interesadas na súa actividade, entre eles Xapón.

A primeira Área Mariña Protexida creou escola

O Área Mariña Protexida "Os Miñarzos" abarca 200 hectáreas de superficie mariña en Lira e toma o nome dunha pequena barreira de rocas visible desde a costa.

Na área hai dúas zonas nas que a pesca está prohibida para facilitar a reprodución das especies que o habitan e que son o sustento de cen familias de pescadores e 34 barcos de pesca de baixura.

Logo de Lira, a confraría de Cedeira abordou o mesmo proceso coa Fundación Lonxanet e obtivo da Xunta a aprobación para a súa Área Mariña Protexida para a pesca artesanal e sostible en xaneiro de 2009.

En Cedeira contan desde entón con 71 hectáreas protexidas con dúas zonas restrinxidas e está en trámite a proposta dunha terceira Área Mariña Protexida de Galicia no litoral de Muros por iniciativa da confraría de pescadores da vila mariñeira e con apoio da Fundación Lonxanet para o deseño.

García Allud explicou que o equipo multidisciplinar da fundación traballa xa nun proceso para protexer as augas exteriores xestionadas polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño -ata as 12 millas desde a costa- e tramitará a petición desa certificación.

O modelo xa se exportou, segundo Allud, pois hai tres áreas do mesmo tipo pendentes de aprobación por parte dos Gobernos de Arxentina e Uruguai e que son unha mariña na península Valdés, unha área fluvial de interese pesqueiro no río Paraná (ambos en Arxentina) e unha área lacustre en Uruguai.

No ámbito europeo, unha das técnicas que traballou coa Fundación Lonxanet nos procesos de protección do litoral galego, está agora en Reino Unido para impulsar un proceso similar e "Ecoloxistas en Acción" baséase no modelo galego para crear unha área mariña similar en Andalucía.

Sensibilizar e xestionar pero tamén vender

O patrón maior de Lira, José Antonio Ínsua, explicou a GG que nos tres anos de protección da súa zona xa se nota unha mellora "clara e concreta no percebe".

Ante os resultados xa visibles, segundo dixo, confírmase a necesidade de sensibilizar á sociedade do esforzo que fan comunidades pesqueiras como a de Lira "para sobrevivir protexendo a fonte dos seus recursos pero ese esforzo precisa unha compensación e aínda non a atopamos na venda deste peixe e marisco únicos".

A comercialización en www.lonxanet.com mobiliza unha media anual de 50.000 quilogramos de peixe e marisco galegos, con compromiso de entrega a domicilio en 24 horas e destinado sobre todo a varias cooperativas de consumidores ecolóxicos de España e Andorra, pero supón tan só algo menos do 1 por cento da capacidade produtiva das comunidades pesqueiras implicadas, segundo García Allud.

Para ampliar a comercialización, en maio de 2009 estreouse a primeira pescadería de fresco de lonxanet no rehabilitado e céntrico mercado de SanMiguel , en Madrid, ao que chegan tres envíos semanais de produtos galegos obtidos do mar de forma artesanal e onde tamén se poden degustar nalgúns dos restaurantes instalados no mesmo mercado que xa recibiu uns 4 millóns de visitantes no seu primeiro ano de recuperada vida.

Os plans da fundación Lonxanet inclúen a apertura doutras tres pescaderías de fresco en sendas grandes cidades non galegas antes de Nadal de 2010, a creación dun selo de marca que achegue información sobre a orixe e procesado (trazabilidad) dos peixes  e mariscos para comezos de 2011 e seguir explicando a necesidade de que os consumidores se impliquen na conservación desta forma de pesca que garante produtos de maior calidade na alimentación e unha renda económica digna para os seus traballadores.

Para difundir, sensibilizar e preservar

Durante todo o ano, pescadores de Lira fan de guías para grupos de escolares ou visitantes que concerten participar nas actividades da súa escola-taller de pesca que organiza desde cursos de capacitación, rutas con mariscadores e pescadores nunha xornada de traballo ("turismo mariñeiro", pioneiro en España) ata rutas etnográficas e a dos naufraxios (en relación cos 8 rexistrados nos últimos 50 anos) para familiarizar e sensibilizar aos asistentes coa pesca artesanal e sostible.

Comentarios