O restaurante pamplonés Josetxo gaña o VII Premio 'Lola Torres'

josetxo_restaurante_dentro.jpg
photo_camera josetxo_restaurante_dentro.jpg

O VII Premio Nacional de Gastronomía Tradicional 'Lola Torres', organizado pola Fundación Amigos de Galicia, xa ten dono. Trátase do Restaurante Josetxo, de Pamplona, que recibirá o galardón o próximo mes de abril, no Centro Superior de Hostalería de Galicia.

O xurado, reunido no Grove, deu a coñecer este mércores o fallo, unha vez vistas as 79 propostas presentadas, das cales tres foron desestimadas, por non cumprir os requisitos esixidos.

O Restaurante Josetxo abriu as súas portas por primeira vez en 1955. Atopábase situado por entón na sanferminera rúa Estafeta da man de Alejandro Elizari e Felisa García. Foi a finais dos anos 60 cando o restaurante cobrou un novo impulso, en parte grazas á incorporación dos respectivos maridos de Raquel e María del Carmen (fillas dos propietarios do local), Ricardo Eciolaza na sala e Juan Oscáriz na cociña.

Nos seguintes anos consolidouse como un dos máis relevantes da cidade, recibindo continuos galardóns pola súa cociña e impulsando diversas asociacións gastronómicas. Personaxes como Antonio Machín ou Ernest Hemingway foron, entre outros moitos, algúns dos seus destacados comensais.

Substitución xeracional
A mediados dos 80 o Josetxo cambiou a súa dirección e trasladouse a unha céntrica praza da cidade, unha edificación do século XIX catalogada como monumento histórico. A innovación no edificio levou consigo a da cociña e a do servizo, en mans da terceira xeración da familia. Juan Oscáriz, fillo de Juan e María del Carmen, comezou a traballar no fogón, xunto cos seus pais e a súa avoa Felisa.

O resultado foi unha cociña de mercado, refinada, delicada e moi persoal. A innovación no persoal viño da man de Raquel, filla de Raquel e Ricardo, quen tras finalizar os seus estudos en Turismo achegou á sala inquietudes novas, especialmente na adega.

Este restaurante, do mesmo xeito que o resto da restauración de Navarra, ten o privilexio de gozar duns magníficos produtos da horta, coñecidos en todo o mundo. É o caso dos espárragos de Lodosa, as fabas de Tolosa, os pementos do piquillo, o queixo do Roncal ou as súas excelentes carnes.

Xunto coas felicitacións ao gañador deste ano, o xurado quixo resaltar a Festa do Marisco, por tratarse dun motor cultural e gastronómico do Grove e de Galicia, e que este ano entra no seu cuadraxésimo quinta edición.

Comentarios