O restaurante Río Lea de Castro organiza unhas xornadas gastronómicas do galo de raza Mos

O restaurante Río Lea de Castro de Ribeiras de Lea e a granxa Chousa do Lea repiten colaboración nunha nova edición das xornadas gastronómica do galo da raza autóctona Mos, oriúnda da veciña parroquia de San Xiao.

Os interesados en saborear o produto poderán facelo, tanto na comida como na cea, ata o próximo 8 de decembro, día no que culminan estas sesións de degustación que se iniciaron o venres 15.

O menú proposto polo restaurante Río Lea conta con dous pratos e sobremesa. Así, de primeiro servirase un revolto de grelos con gulas, mentres que o galo de Mos, cociñado da forma tradicional, será o prato principal. As sobremesas serán variados e caseiros. Ademais, desde o establecemento recoméndase acompañar este menú de degustación co viño Valcar, da denominación de orixe Ribeira Sacra.

A organización destas xornadas vén precedida polo éxito que tiveron ata a data este tipo de iniciativas, incluída a desenvolvida o ano pasado neste mesmo local, tamén coa raza Mos como protagonista. Segundo recorda José Zapata, de Chousa do Lea, entón chegaron a servirse máis de cen exemplares desta raza autóctona.

Os obxectivos desta iniciativa son varios, desde a potenciación do consumo do galo de Mos ata contribuír a dinamizar a oferta do restaurante organizador, desde o que se anima aos seus clientes e ao público en xeral a degustar este selecto menú.

Comentarios