O sabor dos mexillóns invadiu Becerreá

Becerreá non exaltou onte un produto autóctono, senón un que se produce a moitos quilómetros de distancia, no mar, pero cuxa festa se converteu nunha tradición nesta localidade dos Ancares, o mexillón. A sétima edición deste festexo demostrou que xa está totalmente consolidado no calendario de mostras gastronómicas da provincia, porque centos de persoas acudiron á invitación do Concello e degustaron ao redor de 750 quilos, preparados con distintas receitas para satisfacer os padais de todos os asistentes, a maioría da localidade organizadora, pero tamén moitos doutros municipios lindeiros e, incluso, da zona do Bierzo leonés.

Como en edicións anteriores, o Concello de Becerreá instalou unha carpa na que se puxeron a disposición dos asistentes mexillóns en distintas preparacións, desde as máis tradicionais, como ao vapor, a outras máis atrevidas, con distintas salsas.

Os participantes tiveron que comprar un prato de cerámica de Buño, que custaba cinco euros, e a cambio puideron comer todos os mexillóns que lles apetecese.

Aínda que a de onte era a xornada grande da VII Festa do Mexillón de Becerreá, a exaltación deste produto nos Ancares iniciouse días antes, con tapas realizadas a base deste molusco nos bares. O Concello decidiu este ano ampliar a zona de influencia da festa e, se en edicións anteriores nos días previso servíanse tapas de mexillón nos establecementos de hostalería de Becerreá, nesta edición, desde o pasado venres, tamén se podían degustar estes pratos nos locais doutros municipios lindeiros.

En total, entre a festa de onte e as xornadas previas nos establecementos de hostalería, repartíronse un total de 1.500 quilos de mexillóns.

O alcalde de Becerreá, o socialista Manuel Martínez, destacou, na presentación da festa, que esta xornada era importante para o municipio en canto atrae a un considerable número de visitantes, coa repercusión económica que isto leva, especialmente para o sector da hostalería.

Aínda que non é habitual que un produto de costa se exalte en localidades do interior, en Lugo hai outro caso, o de Rábade.

Comentarios