O terceiro concurso de tapas de Guitiriz ofrecerá 25 propostas entre o 5 e o 15 de marzo

El cartel elegido
photo_camera El cartel elegido

Un total de 25 locais de hostalería participarán na terceira edición do concurso Que Bo Estás Guitiriz!, un certame que a pesar de ser moi novo xa se converteu nunha cita destacada do calendario de actividades do municipio chairego.

A cita, organizada pola asociación De Bares, creada recentemente para aglutinar aos hostaleiros da localidade e coa intención de promover iniciativas para dinamizar o sector de forma conxunta, celebrarase do 5 ao 15 de marzo.

Durante estes dez días, as propostas dos negocios participantes no concurso poderán degustarse en horario de 20.00 a 23.00 horas todos os días. Os fins de semana, a maiores, as tapas tamén se servirán de 13.00 a 16.00 horas.

Todas as propostas terán un custo único de 1,50 euros e, como novidade, por cada tapa servida este ano farase unha achega á Asociación Española de Loita contra o Cancro.

O obxectivo solidario do certame guitiricense non será o único cambio no concurso nesta nova edición, tamén se variará a forma de votar, xa que Que Bo Estás Guitiriz! suprime as rutas deseñadas na primeira e a segunda edición.

Nesta ocasión, o público poderá votar pola súa proposta favorita ao cuñar nun mínimo de cinco locais participantes, indistintamente de cales sexan e de onde estean situados.

Para entrar no sorteo de agasallos -aínda non están designados- o público deberá catar un mínimo de 15 das propostas gastronómicas elixidas polos locais para representar a súa cociña.

CARTEL

Entre as novidades deste ano, a asociación de hostalería De Bares de Guitiriz promoveu un concurso de carteis para elixir o que se convertería no encargado de anunciar esta terceira edición. En total, presentáronse ao certame artístico un total de 39 carteis e o elixido foi o de Jorge Pérez Polín, un veciño de Guitiriz que realizou un deseño colorido cunha moza rodeada de tapas.

«Había bastante nivel e foi difícil escoller entre todas as propostas que nos chegaron. Estamos moi contentos co resultado», explica Pilar García, a presidenta da asociación de hostaleiros, que non descarta volver organizar este certame para involucrar a máis xente na organización do concurso de tapas. O premio do certame de carteis son 120 euros en metálico e a degustación gratuíta de todas as tapas.

Comentarios