O tirón das carnes e a repostería

Parrilllada A Mina
La familia Navia López rexenta este establecemento

O mesón parrillada A Mina incorporouse con forza á oferta hostaleira da Pontenova. O establecemento, aberto fai algo máis dun mes, atópase nun antigo almacén de barricas de viño, xamóns e sal situado á beira dos Fornos, eses antigos fornos de fundición de ferro que son o elemento reitor da arquitectura pontenovesa. O restaurante destaca pola súa oferta de carnes. Os espectaculares chuletones de tenreira á brasa, o churrasco de porco e tenreira ou o pito son propostas realmente apetitosas. Son moitos os restaurantes que o intentan, pero non todos logran darlle á carne ese toque que os fai especiais, que os distingue do resto. Pero na Mina si o conseguen.

Nestes tempos de inverno tamén se fai cocido por encargo, cun saboroso butelo, que en ocasións tamén figura na carta.

As selectas táboas de embutidos e un impresionante polbo á feira, ao que recentemente lle dedicaron unhas xornadas, son dúas boas opcións á hora de elixir un entrante ou de tomar unhas racións acompañadas dun viño ou unha cervexa na barra.

Este mesón, cargado de enxebrismo, préstase ao tapeo e conta xa cunha fiel clientela, ao que axuda tanto a calidade como a súa céntrica localización. A carta de viños inclúe distintas denominacións de orixe, con especial atención aos caldos galegos de Ribeira Sacra e Monterrei, que gañan adeptos no mercado, tanto polos seus tintos como polos seus godellos.

As sobremesas caseiras destacan pola súa variedade e cantidade. O requeixo con noz e mel constitúe un perfecto contraste de sabores. Serven tamén un orixinal flan de castañas e versións moi logradas da torta da avoa, así como da de queixo.

Os amantes dos sabores máis sinxelos e contundentes poden probar un queixo do Cebreiro con marmelo. Pódese dicir que a repostería se converte nunha bela arte na Mina, tanto pola variedade de opcións como polo resultado final.

SINGULARIDADE

O axustado prezo medio da comida e o seu menú do día son tamén dúas boas razóns para acudir a este restaurante, que sobresae polo seu a singularidade. O establecemento ocupa unha casa con máis dun século. Foi construída en 1912 por Martín Ponte Cordeiro, tal como indica unha placa na parede. A este almacén chegaba o antigo tren das minas a descargar na parte traseira, onde finalizaba a súa travesía.

A familia Navia López decidiu reabrir este local como restaurante conservando partes do inmoble, como as columnas de fundición, as fiestras e portas de madeira, cortizas e unha barrica de viño. A decoración integra o rústico e o moderno.

O xerente deste restaurante é José Navia Sacadas, que o dirixe coa colaboración principal do seu fillo Javier Navia López. Doutra banda atópanse a muller de José, Concepción López Cancelos, e o seu fillo Juan Navia López, que se encarga da contabilidade do negocio.

Comentarios