O uso dunha encima permite reducir o sal na carne e o peixe

Manuel Vázquez (Foto: EPL)
photo_camera Manuel Vázquez (Foto: EPL)

O investigador do campus de Lugo Manuel Vázquez presentou en Montpellier, no marco dun congreso do programa europeo Transbio, unha liña de investigación que desenvolve na facultade de Veterinaria coa encima transglutaminasa, que permite reducir o contido de sal en produtos cárnicos e elaborados a partir de peixe.

Segundo indicou este investigador e profesor da USC, cando se fan produtos elaborados a partir de carne ou peixe utilízase o sal para conseguir que gelidifiquen, con todo a transglutaminasa tamén ten a propiedade de ligar as proteínas, o que permite reducir á metade o uso de sal, cuxo consumo debe ser moderado, especialmente para persoas con hipertensión..

Segundo Manuel Vázquez, esta aplicación ten moita utilidade para producir embutido, que tamén se pode facer de peixe. O seu grupo de investigación busca desenvolver aditivos de orixe natural que permitan substituír aos químicos. A transglutaminasa é un deles. Xorde dun microorganismo, o estreptomices, presente na terra e responsable dese cheiro tan característico que se expande tras unha tormenta de verán.

As investigacións de Manuel Vázquez xa deron como froito unha patente para produción de transglutaminasa que foi comprada por unha empresa romanesa. O sistema de produción baséase nun medio de fermentación realizado con leite, pataca e glicerol.

Manuel Vázquez tamén ten outra liña de investigación a partir desta encima co fin de elaborar iogures desnatados cunha textura similar dos iogures de tipo grego, que son moito máis densos, pero tamén teñen un contido en graxa moito máis alto.

Transbio Sudoe é un proxecto de innovación que abarca rexións do sur de Europa e que conta con financiamento do programa Interreg. O obxectivo é articular e explorar vías de colaboración entre laboratorios, plataformas tecnolóxicas e empresas ao redor do medicamento molecular e a innovación alimentaria.

Algúns eixos de actuación son o desenvolvemento de tecnoloxía punta para a bioloxía e a saúde, marcadores de prognóstico e tratamento, e biotecnoloxía para a sustentabilidade.

Comentarios