Yolanda Díaz, deputada electa de En Marea, cualificou este luns de "golpe de estado metafórico" a postura de Pedro Sánchez con respecto á posibilidade de que o partido galego teña un grupo parlamentario propio no Congreso dos Deputados.
Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, Sánchez manifestou este luns que é "moi complicado" aceptar as pretensións de Podemos, xa que, engadiu, "o Congreso non é unha cámara territorial".
Sobre estas declaracións, Yolanda Díaz indicou que "van contra a posibilidade de que o Estado teña políticas alternativas" e que deixan claro que o PSOE "ten un pacto con Cidadáns para presidir a Mesa da Cámara baixa", ao que agregou que o líder socialista "estase a inmolar".
Así mesmo, a deputada electa revindicou que En Marea "reúne sobradamente todos os requisitos que establece o regulamento do Congreso", polo que "é unha pena", dixo, que unha decisión política "impida que o grupo se materialice". "O PSOE mostra a súa cara máis centralista e reaccionaria, ademais de afirmar que Galicia non é unha nación e que non ten dereito como pobo", subliñou este luns en Ferrol.
Con respecto á posibilidade de que Podemos Galicia concorra "en solitario" ás eleccións autonómicas, como suxeriu o seu secretario xeral, Breogán Riobóo, Yolanda Díaz limitouse a dicir que desde Esquerda Unida comparten "diagnóstico" sobre os comicios xerais coa formación morada e tamén "a folla de ruta sobre as accións que hai que levar a cabo".
EN MAREA Yolanda Díaz ve un golpe de estado a postura do PSOE ante os novos grupos no Congreso
Yolanda Díaz asegura que o seu partido "reúne todos os requisitos" para formar un grupo parlamentario e afirma que o discurso de Sánchez "vai contra a posibilidade de que o Estado teña políticas alternativas"
