Entre viños e manxares da terra

A Tapería, de Ribadeo
Carlos García López, da Tapería de Ribadeo (Foto: ISABEL GARCÍA)

Os viños do país sempre acompañan ben aos produtos da terra. Esa é a máxima que seguen na Tapería, un novo establecemento aberto en Ribadeo. O negocio sitúase no antigo bar Anselmo, na céntrica Rúa San Francisco, a escasos metros da igrexa parroquial. Os irmáns Toño e Carlos García López abriron este local a principios de decembro coa intención de crear un ambiente apto para tomar uns viños e, de paso, gozar dunha carta de racións curta, pero ben elaborada.

As zamburiñas, de carne abundante en proporción ao seu tamaño, é un dos pratos máis demandados. Se antes eran coñecidas como as irmás pequenas das vieiras, na actualidade gañan terreo entre a oferta de moluscos bivalvos polo seu fino sabor. Na Tapería fanas á prancha, aínda que tamén son moi apetitosas guisadas ou en empanada.

O polbo á feira e á prancha figuran entre os reclamos do local. Para facelo á prancha cortan o tentáculo á metade e sérveno cun aderezo especial, o mesmo que utiliza o restaurante lucense O Lar de Adrián. O seu xerente, Luís García López, é irmán de Toño e Carlos. Forman unha familia cunha ampla experiencia no ámbito da hostalería.

Chaman tamén a atención as croquetas caseiras de xamón. ás veces fanas de polbo para servilas como tapas. O raxo con patacas, adornado cun pemento vermello, é outro produto moi solicitado.

AS BRAVAS

Resulta curiosa a presenza das patacas bravas, tan típicas en Madrid, e ao ali-oli na carta da Tapería. As bravas, xunto ao polo laranxa que locen os camareiros, recórdalles a algúns clientes a cadea de locais Las Bravas, pioneira deste prato de tubérculos con sala picante na capital de España. O seu local fundacional atópase na Ruela del Gato. O vello cafetín que precedeu a este bar madrileño foi elevado a categoría literaria por Valle Inclán, que deixou escrito que os personaxes dos seus esperpentos eran como as figuras deformadas polos espellos cóncavos, que aínda se conservan na fachada do establecemento.

A Tapería, no seu constante esforzo por coidar os detalles, ofrece sobremesas caseiras como a torta de queixo, o arroz con leite e o mousse de chocolate.

Este bar, que reforza a oferta gastronómica da Rúa San Francisco, fainos gozar con pratos sinxelos e moi logrados. A súa degustación constitúe unha experiencia agradable nestes tempos marcados polo abuso da comida lixo e os conxelados. É un lugar ideal para compartir mesa e mantel ou para botar unha parrafada degustando os seus viños.

A Tapería ofrece tintos e brancos galegos, aínda que tamén son moi demandados os caldos de Rioxa. Como acompañamento serve tres tapas de cociña recentemente feitas, outro bo detalle, que se suman aos petiscos da barra.

GUÍA PRÁCTICA

Como chegar

O bar A Tapería atópase na Rúa San Francisco de Ribadeo, cerca do parque do mesmo nome.

Unha recomendación

Entre os viños do local destaca o godello Crego e Monaguillo. Esta marca, da denominación de orixe Monterrei, ten tamén un bo tinto, feito con uva mencía.

Saber máis

www.ribadeo. org

Comentarios