Entrega de premios do II Concurso de Tapas de Fene

Mañá, ás 11 da mañá, Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación dá Coruña, acompañado por Iván Pontes, alcalde de Fene, Manuel Polo, concelleiro de promoción económica e José Antonio Villares, Vicepresidente da Asociación de C.H. e S. De Fene ''O Cruceiro''  farán entrega dos premios aos campións e subcampións do II Concurso de Tapas de Fene. Ademais, das categorías tradicional e creativa, entregaranse o primeiro e segundo premio na categoría popular, elixida polo público participante nesta edición.Tamén se procederá ao sorteo de tres fins de semana en diferentes casas rurais da zona Ferrol-Ortegal entre  todos os que completasen correctamente a Feneruta, ademais de 10 bonos de 30 € para consumir en tendas adheridas á Asociación de Comerciantes de Fene.

O acto celebrarase no Circulo Cultural Recreativo e Deportivo Perlío. Unha vez finalizada a entrega de premios e os sorteos, procederase a unha degustación das tapas participantes.

Do 12 ao 29 de marzo, cada establecemento participante elaborou unha tapa tradicional ou creativa. Todos os locais inscritos ofreceron ao público a súa tapa coa consumición.

Durante estes días, o público elixiu a súa tapa favorita mediante as Fenerutas, unha vez percorridos todos os establecementos. Ademais, un xurado especializado seleccionou aos gañadores en cada categoría.

Nesta segunda edición, organizada pola Concellería de promoción económica, que dirixe o nacionalista Manuel Polo, participaron 13 establecementos e recolléronse 6.000 cupóns de participación e case dous centenares de Fenerutas.

Comentarios