''Este ano teremos unha produción un 20% superior ao ano pasado'', afirma Luis Oliván, de Pazos do Lusco

Esta fin de semana celébrase a Festa do Viño do Condado, na que participará a adega Pazos do Lusco. Un dos seus responsables, Luis Oliván, revélanos algúns dos segredos dos caldos da firma e do programa da cita vinícola.

Pregunta: ¿Cales son os tipos de caldos que se elaboran en Pazos do Lusco?
Resposta: Os viños que nós elaboramos son coa uva do albariño. A diferenza doutras da zona, en nuesta adega producimos caldos con crianza. Son viños de segundo ano, non son novos, que recentemente fermentados lánzanse ao mercado; senón que, unha vez que o viño é viño, obtense criándose cos fermentos mortos durante seis ou sete meses para que teña máis amplitude en boca, máis estrutura e máis corpo. Os nosos caldos caracterízanse por ser acedos e duran tres ou catro anos. Principalmente elaboramos dous tipos de marcas, o Lusco e o Pazo Piñeiro.

P: ¿Que diferenza existe entre un e outro?
R: De 16 hectáreas de viñedo, hai 1,4 que ten unha orientación sur, e a outra parte que ten 4,6 ten unha orientación norte. Sempre se vendima por separado e nas grandes anadas, cando vemos que hai unha diferenza importante entre unha e outra, sae ao mercado coa etiqueta de Pazo Piñeiro.  Mentres que no Lusco a crianza é en depósitos de aceiro inoxidable, no caso de Pazo Piñeiro, faise en botas grandes de madeira. Da primeira marca prodúcense 4.000 botellas e da segunda 45.000.

P: En concreto, Lusco 2010 recibiu o Premio Baco de Ouro, un dos recoñecementos máis importantes na categoría de viños novos. ¿Cales son os aspectos que o fixeron merecedor deste galardón?
R: Lusco ten moi boa acidez, trátase dun viño fresco que cando o probamos incítanos a beber, ten moi boa estrutura, é amable. Eu creo que son estes os aspectos que o xurado valorou.

P: En canto á colleita deste ano, ¿cren que terán moita produción?
R: Nós empezaremos a vendimar o sábado ou o domingo pero, en xeral, polas mostraxes que fixemos preveemos que vai ser unha colleita máis grande que a do 2010; na denominación cremos que imos ter un 20 por cento máis de produción que o ano anterior. No canto de 50.000 botellas teremos 60.000 aproximadamente, segundo a estimación que fixemos. Este ano o tempo foi ben porque houbo unha seca moi grande e a uva estaba moi consumida pero coa choiva que houbo estes días engordou, hidratouse e asimilará mellor os azucres.

P: Para obter unha colleita de calidade, ¿cales son os factores determinantes?
R: Un é a variedade da uva, porque non todas son boas para facer viño de calidade. As outras serían o clima e o chan; este último, é como a alimentación dunha persoa. Os chans bos para que leve a cabo este propósito son os pobres, é dicir, os de pedras, onde non ves materia orgánica. Outrora, o viñedo plantábase en sitios onde non se podía plantar outras cousas. No noso caso, en Pazos do Lusco, o noso chan é moi bo porque ten unha gran parte de gránito descomposto.

P: Este venres comeza a festa do viño do Condado, ¿que papel ten Lusco en tal evento?
R: É unha das citas de exaltación do viño máis importante de España, unha festa con moito arraigamento na zona, onde a vendima é a protagonista. Ademais, caracterízase por compaxinar o viño, a comida e o baile.

P: Á hora de expandir un produto ao exterior, ¿xogan un importante papel as novas tecnoloxías?
R: A rede é unha fiestra ao mundo coa cal se consegue que unha pequena adega como a nosa que está nun pequeno pobo como é Salvaterra poida ser coñecida por un señor que está en New York ou Seatle. En canto a coñecemento e documentación é fundamental a rede, en canto a comercialización, hoxe vai todo tan rápido, que eu á rede véxoa como unha parte máis á hora de vender o produto, hai que vela dentro dun conxunto xeral.

Comentarios