'Festa da Empanada, non che digo nada'

Un momento de la presentación (Foto: I.P.).
photo_camera Un momento de la presentación (Foto: I.P.).

O humorista e showman Xacobe Pérez Paz será o pregoeiro da edición número 34 da Festa da Empanada de Bandeira (concello de Silleda), declarada de interese turístico e que terá lugar o próximo fin de semana do 22, 23 e 24 de agosto (venres, sábado e domingo).

Ao acto de presentación desta festa, que tivo lugar esta tarde-noite nunha tapería da localidade de Lamela, no mesmo municipio de Silleda,  asistiron, ademais do propio pregoeiro, a alcaldesa silledense, Paula Fernández, os responsables da comisión organizadora e varios compoñentes do xurado encargado de votar as mellores empanadas.

A festa (cuxo slogan tradicional reza “Festa da Empanada, non che digo nada”) iniciarase o venres 22, co festival “Esmorga Folk”, que alcanza a súa vixésima edición. Este ano o plantel está formado por catro grupos galegos: Magnifique bande des homens sans medo, Ophiusa, Os Chiquilicuatres e Guezos. Ese mesmo día, desde as catro da tarde, haberá xogos infantís e un espectáculo de malabares. Tanto o propio venres como todo o fin de semana levaránse a cabo exhibicións de tiro con arco, nalgunhas das cales (o venres pola tarde) poderán participar os nenos. A primeira xornada festiva pecharase coa actuación do grupo local Fortín da Pomba.

O sábado será o día grande da festa, co pregón a cargo de Xacobe Pérez, a degustación e o concurso de empanadas. O xurado desta edición está formado por restauradores galegos de prestixio, tales como Toñi Vicente, de Santiago; o “Chef” Rivera, de Padrón; Tito Nixon, da Estrada; Manicha Bermúdez, do restaurante Rotilio de Sanxenxo e José Luís “Cabanas”, do restaurante homónimo de Lalín; todos eles estarán acompañados, como é tradición, por unha ama de casa de Bandeira. Este xurado fallará os premios correspondentes ás dúas categorías a concurso: profesionais e amas de casa.

A mellor
Os participantes na presentación coincidiron en destacar o esforzo de todo o pobo de Bandeira para organizar esta celebración e en cualificar esta Festa da Empanada como a mellor exaltación deste produto dentro e fóra de Galicia.

Comentarios