Festa da troita en Pontecaldelas

A Festa da Troita celébrase por primeira vez en Ponte Caldelas no ano 1.967. Xorde por iniciativa dun grupo de amigos que son afeccionados á pesca (Luís Branco, Enrique Puga, Rafael López e Luciano Martínez, que por aquel entón era alcalde da vila).

Todos os anos edítase un Libro da Festa da Troita, que contén o programa das festas, así como o regulamento do concurso de pesca.

Tamén se foron incluíndo nas diversas edicións deste libro, ano tras ano, os acontecementos máis relevantes da vida do municipio (a creación de novas estradas, instalacións deportivas, etc,) constituíndo unha peculiar fonte histórica para coñecer o pasado da vila.

Entre as colaboracións á Festa da Troita, destacan as achegas de Álvaro Cunqueiro, que no primeiro número de 1.967 escribe un articulo titulado ''Laude da Troita'', así como a participación de Celso Emilio Ferreiro en 1.977, que escribiría ''Ou pescador de cana''. En 1.987 Chano Piñeiro escribe un articulo sobre o teatro en Ponte Caldelas.

En 1.991 celébrase unha exposición filatélica, inaugurándose un cuño especial conmemorativo da Festa da Troita.

O Concurso Internacional de Pesca que se celebra cada ano durante estas festas foi adquirindo cada vez maior difusión sendo hoxe un acontecemento de gran relevancia, coñecido en toda Galicia e no Norte de Portugal.

Este concurso leva a cabo durante tres días, existindo diversas modalidades e categorías. O concurso é organizado pola Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo de Ponte Caldelas , que conta co asesoramento da Federación Galega. Celébrase nas inmediacións da vila, no paseo fluvial, circunstancia que fai posible que visitantes e aficcionados poidan presencialo sen dificultade.

Cabe destacar que na alameda ten lugar unha degustación da troita que está a ter gran acollida. Ademais, desde hai uns anos, tamén se inclúe na festa da troita, un apartado especial para outro manxar na degustación: o cabrito.

A Festa da Troita celébrase o último domingo do mes de maio.

Comentarios