Figueroa presenta na Deputación de Pontevedra a festa do roscón da Guarda

José Manuel Figueroa, Vicepresidente da Deputación de Pontevedra e Presidente de Turismo Rías Baixas, xunto a Carmen García, Presidenta de ACIGU, José M. Domínguez, Alcalde da Guarda, e Fany Igrexas, Concelleira da localidade, presentaron na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo a Festa do Roscón de Xema que terá lugar o próximo 11 de xullo.

Trátase dunha festa que a Asociación de Empresarios da Guarda, ACIGU CCA, vén organizando desde o ano 2005, e que consiste na degustación gratuíta de roscón de xema, un produto, que xa se converteu na sobremesa típica da Guarda e que, xunto á lagosta (tamén protagonista dunha festa gastronómica neste municipio), é o mellor referente gastronómico da localidade.

Figueroa comezou a súa intervención destacando que se trata da quinta edición da festa que, este ano, desenvolverase o 11 de xullo no Porto da Guarda e que repartirá máis de 10.000 racións de roscón de xema. Igualmente, o Vicepresidente da Deputación e Presidente de Turismo Rías Baixas destacou o atractivo turístico da Guarda posto que ''é un dos destinos máis importantes das Rías Baixas no que destacan as súas festas gastronómicas pero tamén elementos culturais e paisaxísticos como o Monte de Santa Tecla, un dos lugares máis visitados de Galicia''.

O Vicepresidente da Deputación de Pontevedra e Presidente de Turismo Rías Baixas, José Manuel Figueroa, declarou que ''desde Turismo Rías Baixas-Deputación de Pontevedra apostaremos pola realización de presentacións de produtos, recursos e destinos turísticos da provincia como factor de promoción das Rías Baixas. Ademais, hai que facer fincapé en que o turismo move unha parte moi importante da economía xa que supón o 12% do PIB galego polo que para nós é fundamental impulsar esta actividade como factor de relanzamento da economía''.

Pola súa banda,  Carmen García, Presidenta de ACIGU agradeceu a boa disposición da Deputación de Pontevedra que xa nos acolleu na súa caseta de promoción turística en FITUR´09 e vólvenos a acoller hoxe aquí para presentar a Festa do Roscón de Xema da Guarda''.

O Alcalde da Guarda, José M. Domínguez, finalizou a quenda de intervencións agradecendo as ''palabras de encomio de Figueroa cara á Guarda'' e animou, a través dos medios de comunicación, a que todos os pontevedreses visiten esta localidade, ''coñecida polo marisco (lagosta), o peixe (peixe espada) e o roscón de xema''.

Comentarios