Galardón á cociña de toda a vida

A historia da Casa Descalzo de Taboada é similar á de moitas casas de comidas de Galicia, lugares que forxaron a súa fama a base da cociña caseira, lugares nos que a única publicidade é a boca a boca e uns clientes chegan polas referencias doutros.

A Casa Descalzo é un sitio pequeno e toda a súa riqueza chega a través do padal, simplemente a través do sabor, sen grandes comedores, nin grandes decoracións pero cunha cociña de leña que para os que a coñecen é o segredo de todos os seus éxitos. Este negocio pode pasar desapercibido a primeira vista en Taboada pero leva desde o ano 1935 cativando aos seus clientes, especialmente a aqueles que gozan da comida feita coas receitas de toda a vida.



María Luz Otero (na foto de Toño Parga) é a propietaria actual de Casa Descalzo, a encargada da cociña e de todo o traballo. Herdou o negocio dos seus pais que o fundaron en 1935, un ano logo de casar, e que llo traspasaron á súa filla cando caeron enfermos.

María Luz Otero traballou de xeito conxunto cos seus proxenitores, xa falecidos, na súa primeira mocidade. Con todo, decidiu abandonar a hostalería e estudar en Santiago. Alí sorprendeuna unha enfermidade e regresou a casa. «Despois unha cousa trouxo a outra, funme quedando e aquí estou», afirma.

A vida quixo que cando esta taboadesa comezaba a recuperarse, enfermase o seu pai e aos poucos se vise «enganchada á casa de comidas. Agora xa case non podo dicir se me gusta a hostalería ou se me acostumei tanto que o tempo fixo que me gustase», reflexiona.

A especialidade de María Luz Otero é a cociña de tempada, no inverno os cocidos, pero especialmente a caza, e en tempada de verán as carnes máis convencionais. Ademais, é unha auténtica experta no prato máis típico de Taboada, o caldo de ósos, moi propio destas datas.

O vindeiro venres, Otero recibirá en Lalín un recoñecemento á súa traxectoria no marco da gala dos premios Gastronomía de Galicia que entrega o Concello de Lalín, a Secretaría Xeral de Turismo e varias asociacións gastronómicas galegas.

María Luz Otero recibe o galardón con certo sabor agridoce. «Dáme certa pena que chegue agora cando a casa non pasa por un dos seus mellores momentos. Dende que comezaron meus pais todo foi medrar, cada vez viña máis xente porque a había. Pasaron os anos da guerra que foron duros pero sempre se foi a mellor. Agora queda moi pouca xente nas aldeas, eu tamén vou maior e a casa leva moito trote enriba. Son tempos difíciles», apunta.

De todos os xeitos, María Luz Otero loita por manterse ata que lle toque xubilarse e pon aos seus pratos o mesmo agarimo que ao principio. Creceu entre os fogóns e o comedor e aínda que ás veces as circunstancias non acompañan resístese a deixar de cociñar. «Ás veces penso en xubilarme porque os tempos non son os mellores, pero por agora sigo en activo», conclúe.

Comentarios