Galicia promove a súa gastronomía e os seus viños en China

A Consellería de Economía e Industria, a través do centro de promoción de negocios que o Instituto Galego de Promoción Económica ten en China, promove a gastronomía e os viños galegos no marco do evento 'Galicia Wine Fine Dinner', que se celebra este venres, nun hotel de Beijing.

Ao acto está previsto que asista o embaixador de España na República Popular China, entre outras autoridades, así como profesionais da importación de bebidas ou representantes da prensa especializada en gastronomía, segundo informou o Goberno galego nun comunicado.

No acto presentarase e reforzarase a imaxe dun conxunto de viños e licores galegos actualmente comercializados en China, e ademais o evento servirá para promover Galicia como destino turístico, sobre todo ante o Xacobeo 2010, e como lugar para acoller investimentos estranxeiros.

No transcurso do encontro promocional proxectaranse vídeos e fotografías de Galicia, á vez que os asistentes poderán degustar os viños e licores galegos, xunto cunha mostra selecta da gastronomía da comunidade autónoma.

Comentarios