Galicia rexistra 89 incidencias relacionadas coa neve

Foron xestionadas desde as 21:00 horas do venres ata as 11:00 do sábado

O persoal do 112 Galicia xestionou un total de 89 incidentes entre as 21:00 horas do venres e as 11:00 horas da mañá do sábado relacionadas co episodio adverso por nevadas, de nivel laranxa.

Tal alerta está activada nas zonas de Montaña e centro de Lugo; Montaña, sur e noroeste de Ourense e interior de Pontevedra.

Por provincias, Pontevedra é a máis afectada pola neve, cun total de 43 incidentes xestionados polo 112 Galicia.

Séguelle a provincia da Coruña, con 25 -a pesar de que a alerta laranxa por neve non afecte a esa provincia.

Na provincia de Ourense rexistráronse 12 incidentes, mentres que na de Lugo contabilizáronse 9.

Desde que está activa a alerta laranxa por nevadas, o incidente que máis se repetiu foi a presenza de neve nas estradas, cun total de 80 avisos.

Tanto o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e demais servizos de mantemento de estradas, como os bombeiros, Protección Civil e forzas da orde traballan arreo desde que se activou o episodio adverso co obxectivo de que a circulación se vexa condicionada o menos posible.

O CAE 112 Galicia non rexistrou incidentes de consideración, aínda que segundo indicou un particular ao Centro de Atención ás Urxencias minutos logo das 12:00 horas, varias localidades do concello lucense do Incio permanecen incomunicadas.

No municipio pontevedrés de Forcarei permanece cortada a circulación por acumulación de neve a estrada provincial que une en municipio co concello de Cerdedo .

Comentarios