González Alén gaña o XV Premio Nacional Xornalismo Gastronómico

O historiador de Lalín, Daniel González Alén, foi o gañador do XV Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que cada ano convoca este municipio con motivo da celebración da súa tradicional Feira do Cocido.

A obra premiada titúlase 'A Feira do Cocido, 40 anos de Historia' e ilustra, con fotografías e carteis, as distintas edicións da emblemática celebración gastronómica.

O libro premiado foi elixido entre 28 traballos, por un xurado integrado polos xornalistas Carlos G. Reigosa - este ano comendador do Cocido-, Martín Fernández Vizoso, Lois Branco Pena, Luís Pérez Fernández e Javier Sánchez de Deus, que se reuniron este mediodía en Lalín.

González Alén recibirá un premio, dotado con 5.000 euros en metálico, polo seu libro publicado pola editorial Alvarellos Comunicación o pasado ano, coincidindo coa cuadraxésima edición da Feira do Codido.

Outros galardóns

O xurado tamén decidiu outorgar un accésit, de 1.000 euros, á serie de artigos xornalísticos realizados por Xosé A. Perozo, baixo o título 'Pratos con historia' e publicados en 'El País', así como ao programa da Televisión de Galicia, 'Larpeiros', polo pase de 'Quen ten un porquiño, ten un lacón e ten un touciño' e ao proxecto xornalístico 'Coas mans na masa', autoría dos alumnos dos profesores Manuel Gago e Xabier Vaz.

Ao XV Premio Nacional Gastronómico de Xornalismo presentáronse traballos xornalísticos publicados en prensa, radio, televisión, libros, páxinas web ou en soporte fotográfico, sempre coa gastronomía galega e o cocido como tema central.

Comentarios