Hai vida máis aló do albariño...

Plato de vieiras "a la gallega" (Foto: I.P.)
photo_camera Plato de vieiras "a la gallega" (Foto: I.P.)

O alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, mantivo unha reunión co patrón maior da Confraría San Antonio, Benito González, para estudar determinados aspectos en relación coa organización da VII Exaltación da Vieira que se celebrará nesta localidade pontevedresa os días 12, 13 e 14 de setembro.

Logo de contactar con varias empresas, unha delas confirmou xa o seu interese por instalar a carpa de degustación gastronómica, unha proposta que levará á reunión que manterá a comisión organizadora, formada por Concello, Confraría, Hostalería e Vieiras de Galicia, a próxima semana, segundo desvelou Cores Tourís.

A intención do goberno municipal de Cambados é potenciar a ruta dos restauradores, na cal se degustarán pratos de vieiras con albariño entre outras preparacións e, por outra banda, a carpa gastronómica, "outra oferta atrainte para traer a Cambados o maior número de persoas posible na procura de calidade".

Concurso gastronómico
Segundo o rexedor cambadés, o sistema vai ser igual ao de anos anteriores, unha fórmula semellante á de festas tan consolidadas como a do marisco do Grove, a do cocido en Lalín ou a do polbo do Carballiño e manterase o concurso gastronómico, no que participan os restaurantes de Cambados, e tamén a comida oficial.

Cores Tourís indicou que desde o Concello vanse xestionar axudas económicas diante da Deputación provincial, así como nas consellerías de Industria e Pesca da Xunta, co obxectivo de realizar unha ampla promoción en medios informativos, ademais doutras formas de publicidade, con edición de cartelería, "que permitan incrementar o poder de convocatoria da vieira en setembro, con visitantes de Galicia e de fóra".

Neste sentido, o alcalde popular recordou que a vieira é un produto case exclusivo de Cambados, "xa que o 90 por cento da produción galega está no noso porto", do que se ocupan 70 barcos, que capturan máis de 200 toneladas, cun volume de negocio ao redor de 1 millón de euros, un negocio do que viven máis de 200 familias cambadesas.

Comentarios