Héctor López: 'Cada vez máis xente busca unha cociña distinta'

Héctor López ía para veterinario e acabou de cociñeiro, gobernando os fogóns do restaurante familiar que en 2007 cumpriu 100 anos, idade que o converte no máis antigo da cidade das Murallas.

Conversa con Galicia Gastronómica logo de atender un comedor completo un mércores calquera de calquera semana do ano.

¿Como é a vosa aventura en Lugo, unha cidade pequena e con competencia importante?


Eu empecei nisto cando estaba de moda aquel lema de "Para comer Lugo”. Pero creo que nos fomos quedando algo durmidos. Eu non digo que haxa que evolucionar facendo cousas moi raras, pero si hai que ir un pouco cos tempos. En Galicia temos un produto boísimo, pero durante moitos anos só nos baseamos na cociña do produto e agora hai que dar un paso máis. Nós levamos uns anos facendo unha cociña sinxela, sen cousas raras, pero intentamos que sexa un pouco distinta, coas nosas raíces, pero con cambios.

Empezamos hai xa anos e como sempre que se fai algo novo comezamos con algo de medo, pero tamén con moita ilusión. E a xente respondeu moi ben, tanto que é a propia clientela a que me está obrigando agora a facer cousas novas continuamente. Segue habendo moito público moi tradicional, pero cada vez hai máis xente que busca unha cociña distinta.

A ese enfoque responde a incorporación ao Grupo Nove...

Si, a min fíxome moita ilusión incorporarme ao Grupo Nove, porque aprendo moito con eles e ademais todos temos unha mentalidade moi parecida.

No 'España' compartes traballo co teu irmán. ¿Que tal funciona o restaurante desde o punto de vista empresarial?

Bueno, este é un negocio familiar e para min é un orgullo traballar co meu irmán. Eu na cociña e el fora, penso que nos compenetramos moi ben. Traballar xuntos é unha marabilla.

¿Como xorde a oportunidade?

Pois el estaba a estudar empresariais, pero non lle gustaba e non tiña moi boas notas. Así que o meu pai púxoo a traballar aquí para que escarmentara, pero a el gustoulle tanto que xa se vinculou definitivamente á hostalería e formouse con cursos, stages...

Eu tiven sempre a idea de estudar veterinaria. Ata que me chegou o momento de entrar na universidade en que lle dixen ao meu pai que mellor ía facer cociña. Él non quería, ata que se convenceu de que era o que máis me gustaba. Así que terminei facendo cociña e logo duns anos de formación acabei aquí co meu irmán.

E o teu pai orgulloso, supoño, ¿non?

Claro, agora está contentísimo de como van as cousas. Xa nos seus tempos o ‘España' era un lugar de referencia e agora ségueo sendo.

Comentarios