Feridas dúas persoas en sendos choques múltiples en Sigüeiro

Un total de sete vehículos víronse afectados entre ambos os dous accidentes

Dúas persoas resultaron feridas en dúas colisións múltiples rexistradas na tarde deste luns na N-550, ao seu paso pola localidade de Sigüeiro. En total, víronse afectados sete vehículos. 

No termo municipal de Santiago, á altura do cuartel da Garda Civil de Sigüeiro, unha persoa resultou ferida nun choque múltiple no que se viron implicados catro coches. O 112 Galicia recibía o aviso dos feitos ás 15.40 horas desta tarde. 

Desde o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Santiago e de Ordes. Tamén se informou a Protección Civil de Santiago, á Policía Local de Oroso e á Garda Civil de Tráfico. 

OROSO. Tamén en Sigüeiro, pero neste caso dentro dos límites do concello de Oroso, outra colisión na que se viron implicados tres vehículos sáldase con outra persoa ferida. O seu estado, segundo indicóuselle ao 112 Galicia, non reviste gravidade. 

A colisión tivo lugar no quilómetro 49, a escasos metros da ponte sobre o río Tambre. Unha persoa particular contactaba co 112 ás 14.30 horas desta tarde para informar o sinistro. Enseguida, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Ordes. Tamén se alertou a Protección Civil, Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.

Comentarios