Marmelada ecolóxica na trastenda dun bazar

Juan Antonio Estévez leva 20 anos producindo e envasando en Verín marmeladas e produtos de horta ecolóxicos para tendas especializadas de toda Galicia e Madrid.

Os veciños de Verín coinciden ao responder sobre a empresa "Conservas do Támega" pois todos saben que o seu creador está na trastienda do bazar Matías, en pleno centro histórico de Verín.

Unha vez dentro do bazar, hai que pasar entre fornos microondas, cestas de pinzas e diversos tipos de mangueiras e conexións para acceder a unha pequena oficina na que Juan Antonio Estévez, de 47 anos, atende ao mesmo tempo os pedidos telefónicos de conservas e os de pezas difíciles da tenda fundada polos seus pais nos anos 60.

Explicou a GG que a idea de fundar unha empresa de produtos ecolóxicos "foi moi clara" pra el logo de casar.

"A pesar de que os meus pais emigraron a Venezuela para non ter que depender do traballo no campo, eu decidín dedicarme precisamente a iso pois desde sempre fun un convencido dos produtos ecolóxicos".

Nese senso, Juan pode considerarse precursor en Galicia pois cando convenceu aos seus sogros de que lle cedesen as terras para producir cebolas, patacas e outros produtos de horta, aínda non había un Consello Regulador dos Alimentos Ecolóxicos de Galicia (Craega) pero si moita información que Estévez recibiu a través de cursos e contactos.

Os seus primeiros clientes foron a Asociación de Consumidores "Arbore" de Vigo e algunhas pequenas tendas da cidade de Ourense.

Paralelamente, en Verín abriuse en 1975 a empresa "Terra de Baronceli" na que se envasaban pementos asados do veciño municipio de Oímbra pero pechou en 2005 e a súa produción pasou a Juan Antonio Estévez que desde entón envasa unha produción repartida ao 50 por cento entre produtos ecolóxicos das súas terras e outros elaborados con produtos de cultivo convencional.

Produtos anuais

Entre os ecolóxicos, con certificación do Craega, as tendas especializadas de Galicia e Madrid ofrecen marmeladas de castañas, de frambuesas, de mouras silvestres, de laranxas procedentes do parque natural do Xurés e outras ademais dunha "fritada" ecolóxica, castañas en almíbar e diversos "patés" vexetais.

Cada ano, Estévez, a súa esposa, o seu cuñado, a súa nai política e dúas empregadas preparan e envasan 4000 quilogramos de pementos asados en fogueira de leña, 2000 quilogramos de castañas ou 500 quilogramos doutras froitas e hortalizas para os seus elaborados que logo son vendidos por un distribuidor e por internet.

Segundo os seus cálculos, tería que producir o dobre para atender a toda a demanda que recibe pero aínda non se decidiu a dar o salto cara a unha produción maior e só o fará, segundo dixo, se consegue manter todo baixo control.

"As nosas marmeladas -explicou como exemplo- están elaborada cun 80 por cento de froita e un 20 por cento de azucre, que é ecolóxico para as ecolóxicas, pero non leva nada máis, nin edulcorantes, nin conservantes nin gelatinas nin auga e só así podemos responder da súa calidade aínda que o prezo sexa algo maior".

A oficina ecolóxica seguirá por agora na trastienda do bazar familiar pois Juan Antonio e o seu irmán son os actuais responsables tras a retirada dos seus pais.

Comentarios