Inés Abril, do 'Maruja Limón', Campiona Galega de Cociñeiros

Inés Abril (Galicia Gastronómica)
photo_camera Inés Abril (Galicia Gastronómica)

Inés Abril González, do restaurante Maruja Limón de Vigo, resultou vencedora do IX Campionato Galego de Cociñeiros, celebrado no Centro Superior de Hostalería de Galicia (Cshg) e que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria.

En segundo lugar quedou clasificado Carlos Rodal Fraga, do restaurante Os Abetos, de Nigrán, e terceiro foi Afonso González Pendás, de Casa Pendás, de Sebes-Narón.
Como campioa de Galicia –era, ademais, a única muller dos 10 finalistas–, Inés Abril participará no campionato estatal que terá lugar os próximos días 15 e 16 de abril no marco do "XXII Salón Internacional do Club Gourmets". De aí sairá o aspirante español ao prestixioso certame internacional Bocuse D´or.

Xurado internacional

O xurado desta competición tivo nesta ocasión un carácter marcadamente internacional, xa que formaron parte del especialistas de Estados Unidos e Portugal, ademais dos procedentes de diferentes lugares de España, incluída a representación galega.

Entre os membros do equipo que fallou o premio destacou a presenza de Colette Rossant, columnista de gastronomía do diario norteamericano The New York Times, así como da xaponesa-americana Mini Oka e de varios xornalistas gastronómicos portugueses, con André de Quiroga á cabeza.

Outros compoñentes do xurado foron Mario H. Bueno, experto en cociña internacional e Paz Ivison, actual responsable do Club de Gourmets. A representación galega estivo formada por Manicha Bermúdez, do restaurante Rotilio de Sanxenxo;  Maricarmen Durán (do restaurante Nixon da Estrada e membro da asociación Xantar); José Luís Iglesias (do restaurante Cabanas de Lalín e compoñente do colectivo Lareira); Diego Bello e Javier Olleros, campión e subcampión, respectivamente, na anterior edición deste campionato, que ten carácter bianual; Roberto Walther, Xefe do Departamento de Cociña do Cshg e Constantino Iglesias, director do Centro de Formación de Ourense da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (Cehosga).

Esta novena edición do campionato contou co respaldo e a presenza do presidente da Federación Española de Hostalería (Fehr), quen presidiu a Mesa Rexedora do certame xunto co titular da patronal hostaleira galega, Juan Silva. Desta mesa tamén formaron parte Xosé Paz Gestoso, director do Cshg e Guillermo Campos, director do campionato.

Comentarios