Interceptan un vehículo a 146 quilómetros por hora nunha zona limitada a 70 no Pino

O tramo do suceso coincide co paso do Camiño de Santiago

Efectivos do Destacamento de Tráfico de Santiago de Compostela interceptaron a un condutor que circulaba a 146 quilómetros por hora nunha zona limitada a 70 no municipio do Pino (A Coruña).

Segundo informou a Comandancia da Garda Civil da Coruña, o xoves pola tarde foi denunciado o condutor dun turismo Mercedes Benz que foi detectado no termo municipal do Pino cando duplicaba a velocidade permitida para a vía pola que circulaba.


Ese tramo de vía está limitado a 70 quilómetros por hora "debido á súa coincidencia co Camiño de Santiago"


En concreto, sobre as 17.30 horas un turismo foi detectado por un radar da Agrupación de Tráfico da Garda Civil a unha velocidade de 146 km/h nun tramo da vía N-547 (Lugo-O Pino) onde o límite se establece en 70, polo que excedía a velocidade en 76 kilómetos por hora. Por iso, ao condutor notificóuselle a correspondente denuncia por exceso de velocidade dirixida á Xefatura Provincial de Tráfico.

A sanción que implica esta infracción, segundo puntualizan as mesmas fontes, é de 600 euros e a retirada de seis puntos do permiso de condución.

CAMIñO DE SANTIAGO. Ese tramo de vía está limitado a 70 quilómetros por hora, segundo aclara a Benemérita, "debido á súa coincidencia co Camiño de Santiago e ter un trazado sinuoso", polo que, segundo advirte, "supón un perigo para os peregrinos que por alí poidan camiñar".

Así, por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil recoméndase "precaución e respectar os límites de velocidade", xa que este elemento, segundo engade, "está presente en moitas causas de accidentes nas súas distintas versións de excesiva ou inadecuada velocidade".

Aos peóns recórdalles a importancia de utilizar pezas reflectoras ou de alta visibilidade.

Comentarios