Investigan a un home como presunto autor dun incendio forestal en Boqueixón

O varón estaba a realizar labores de limpeza no lugar ► O lume afectou a un arboredo de máis de 4.000 metros cadrados

Axentes da Policía Autonómica informaron este xoves da investigación aberta contra un home como presunto autor dun incendio forestal no Concello de Boqueixón, na provincia da Coruña.

En concreto, os axentes atribúen ao home un lume forestal ocorrido o pasado 16 de abril na parroquia de Santa María de Lamas. O investigado estaba a realizar labores de limpeza nunha leira sen adoptar as medidas de protección necesarias, polo que provocou un incendio que afectou a un arboredo duns 4.300 metros cadrados.

As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en funcións de garda de Santiago. No que vai de ano son 29 os investigados pola Policía Autonómica por delitos relacionados cos montes galegos.

Comentarios