Sabores do Caurel e de Cataluña fusiónanse en Froxan

Unha historia persoal de idas e voltas entre Galicia e Cataluña fixo posible a recuperación en Froxán da antiga casa grande que dende fai 4 anos é a turística "Casa da Aira" e o segundo fogar provisional de centos de familias, xa que os seus propietarios, Toño e Susana, encárganse de que sentan como en casa todos os que pasan por ela.

Susana pasou varios veráns de visita no Caurel onde coñeceu a Toño e con el voltou a Cataluña para traballar pero, tras uns anos de vida laboral estresante, ela como administrativa e el como xefe de cociña, decidíronse a dar un cambio, tomáronse un ano de vacacións, regresaron ao Caurel, compraron a casa grande de Froxán e fusionaron tradicións de ambos os extremos do norte de España.

Segundo explicou Toño a GG, as 2000 persoas que lles visitan cada ano para pasar fins de semana ou quincenas, valoran a súa oferta gastronómica que inclúe produtos do Caurel e outros procedentes de Cataluña como embutidos, pato e a "pintada", ave tradicional nas ceas do Nadal do leste ibérico.

Os produtos autóctonos galegos que ofrece Toño son ademais cultivados e criados pola súa familia como todo o relativo á horta e froitas, cordeiro, ademais de carne de porco celta criado en liberdade durante dous anos ata que chega aos 270 quilogramos antes da matanza.

Tamén ten pratos de peixe pero só bacallau desalado e troitas dos ríos do Caurel.

"Temos pratos de porco ibérico con castañas e outros que ofrecemos elaborados como chourizos e xamóns de 30 ó 40 quilogramos cos que aínda estamos a experimentar pois os primeiros, da matanza de hai dous anos, aínda están sen curar e quédanlles outros tres anos", agregou.

A oferta gastronómica varía durante o ano, igual que as escusas para visitar a aldea de Froxán xa que ademais das rutas polo pobo e varios quilómetros na súa contorna, hai celebracións que fan que a poboación habitual de 50 veciños se multiplíque varias veces.

En datas concretas como "a festa da pintura" do día 10 de xullo organizada pola asociación "Fonte do Milagre", chegan ao pobo uns 60 pintores de toda España que logo venden os seus cadros no mesmo lugar.

A mediados de agosto, o mesmo colectivo impulsa a participación nunha ruta nocturna que este ano corresponderá ao antigo camiño da feira entre Froxán e Quiroga.

Outras festas revitalizáronse hai uns anos para recuperar vellos oficios da zona, tal como explicou o presidente da asociación "Fonte do Milagre" Evaristo Méndez, como o dos carpinteiros e as súas serras para madeira ou o a "pisa" das castañas, que se rememora cada ano na ponte da Constitución do mes de decembro.

A antiga casa grande de Froxán é a única oferta de aloxamento desta aldea do Caurel e dá acollida tanto aos visitantes que buscan as peculiares festas da zona como os que queren tranquilidade total.

Susana explicou que as habitacións tiñan antes televisión pero tiveron que quitalas porque ninguén a quería "e os nosos visitantes valoran moitísimo o feito de que para poder falar por teléfono móbil teñan que saír da casa, andar uns metros e subirse a unha pedra que está á entrada do pobo para conseguir cobertura".

A casa rural repártese entre dez habitacións e a vivenda habitual do matrimonio propietario e o seu fillo, aproveitando as antigas estancias e un secadero de castañas e deixando tal cal un gran patio interior no que, segundo Paz, a repostera da casa, establécense os lazos de amizade que fan que o 90 por cento dos novos visitantes repitan a viaxe ata Froxán.

Tamén contribúen a iso os almorzos con magadalenas e filloas caseiras e as ceas que adoitan rematar en longos faladoiros sobre a pesca do día ou sobre os soños de vida rural de case todos.

CÓMO CHEGAR

Os que teñan que pasar pola cidade de Lugo deben dirigirsea Pedrafita do Cebreiro pola autoestrada A-6 e unha vez alí, tomar o desvío cara a Hospital do Camiño onde a estrada provincial LU-561 conduce a Seoane e Folgoso do Courel e saírse dela para tomar a pequena estrada local ata Froxán.

Dende outros lugares como Ponferrada, Ourense, Vigo ou Monforte, o punto de referencia é Quiroga, na beira dereita do río Sil, na estrada nacional 120 e desde o centro desta vila, chégase a Folgoso do Courel polo viario provincial LU-561 e logo, a mesma estrada local entre Folgoso e Froxán.


QUÉ VISITAR, ENTRE OUTROS

-A propia aldea de Froxán é un museo vivente que aínda se conserva como reliquia etnográfica das aldeas galegas de montaña e moitas das súas formas de arquitectura e vida tradicional e estes elementos foron os considerados para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) hai dous anos. Os veciños explicarannos onde ver "albarizas" (recintos circulares de pedra levantados para protexer as colmeas do ataque de feras), "trobos" ou colmeas instaladas no interior dun tronco de alcornoque e outras peculiaridades lingüísticas e etnográficas.

- Moi preto, pódese visitar a segunda aldea BIC do Caurel que é Seceda.

-Varias rutas marcadas perfectamente con mapas nas súas entradas como a que se enceta en Vilamor ou a que sae xusto á beira da "Casa da Aira" en Froxán, todas elas miradoiros únicos do patrimonio natural da zona que inclúe un dos faiais máis importantes de Europa, unha fervenza de auga ferruxinosa ou tuneis arborados.

-Os pescadores de toda Galicia aprecian o sabor único das troitas que aínda abundan nos ríos Soldón, Visuña, Lóuzara e Lor.

-patrimonio xeolóxico como o "pregue inclinado" do Caurel, visible desde un miradoiro sobre o pobo de Campodolas (entre Quiroga e o alto do Boi) e que é un Punto de Interese Xeolóxico Internacional desde 1983 polo seu gran tamaño e a súa antigüidade de máis de 300 millóns de anos.

-patrimonio histórico como restos do castro de Vilar e minas romanas para a obtención de ouro como as da Toca e Torubio, nas que se utilizou o mesmo método de "ruína montium" que na paraxe leonesa das Medulas.

Comentarios