A cociña galega 'salva' especies autóctonas en perigo de extinción

O Recinto Feira Internacional de Galicia, situado na localidade pontevedresa de Silleda, abrirá as súas portas o próximo 3 de novembro á Presentación de produtos gastronómicos derivados das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, unha iniciativa que busca revalorizar o papel das especies propias da nosa comunidade tanto na industria cárnica como na cociña.

Concretamente será no Edificio Auditorio, situado neste polígono, onde terá lugar esta única xornada de conferencias, mostras e degustacións. A primeira dos relatorios terá lugar ás 11 horas da mañá, hora en que oficialmente se inicia o encontro, da man do director da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), José Ramón Xusto Feijóo.

A xornada combinará sesións teóricas e prácticas, desde teorías sobre novas orientacións comerciais a como realizar mostras de calidade con garantías ou mellorar o tratamento do produto a nivel industrial.

A iniciativa busca, así mesmo, revalorizar as posibilidades culinarias desta carne, e por iso ofrecerase unha degustación ao mediodía, antes de dar por finalizado o congreso, dunha gran variedade de produtos derivados destas especies autóctonas. Poderase gozar, así, de sopa de galiña de Mos con castañas asadas, richada de porco celta, ovella galega con salsa de améndoas ou cabalo galego ao viño de Mencía, entre outros pratos que recollen unha mostra de que pratos de calidade pode ofrecer cada unha das razas propias galegas consideradas en perigo.

De forma paralela, cada unha destas especies estará representada con exemplares vivos nunha exposición que completa a xornada: vacas das razas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa; porco celta; ovella galega; cabra galega; galiña de Mos e cabalo de Pura Raza Galega.

CONSULTE O PROGRAMA COMPLETO DA XORNADA AQUÍ

ESPECIES EN PERIGO
Esta xornada de presentación busca revalorizar a utilidade e a calidade da carne de especies galegas que están ou estiveron ao bordo da desaparición e atópanse agora nun proceso de recuperación.

Gando vacún. Galicia é unha das comunidades con maior diversidade, o que di moito tamén da capacidade de adaptación dos gandeiros galegos a diferentes costumes de cativa e necesidades. áchanse en perigo as vacas de raza Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. 

Cabalo Pura Raza galega. Animal de ata 1,40 metros de altura e peso medio de 300 quilos unha vez adulto. Negro ou castaño e con poboada crin e rabo en todas as súas variantes. Criado en extensivo, alimentado de matogueira e leite materno. Adoita ser enviado ao mercado unha vez cumpre sete meses.

Galiña de Mos. A súa carne resulta notablemente diferente debido a que é moi tenra e de coloración escura. é moi saudable, debido ao seu baixo nivel en graxa e a súa alta proporción de ferro, proteínas e ácidos grasos poliinsaturados de omega 3 e 6.

Cabra galega. A recuperación desta especie comezou a mediados de 2010. Agora atópanse censados 400 exemplares distribuídos en máis de 50 explotacións repartidas por toda Galicia, co principal obxectivo de producir carne.

Ovella galega. Criada en réxime extensivo-semiextensivo destinada á produción de cordeiros. As súas características únicas fana idónea para este tipo de cativa. A carne de cordeiro é moi apreciada tanto polo seu sabor como polo seu alto nivel en propiedades nutritivas.

Porco Celta. Denominada cunha Marca de Calidade propia, o porco autóctono de Galicia é un produto genuíno que combina sabor, aroma, textura, cor e valor nutritivo únicos.

Comentarios