A cociña hindú regresa a Nadela

Santi Almuiña
Santi Almuiña

Se algo distingue ao restaurador Santi Almuíña, ese algo é o seu afán innovador e unha inmensa curiosidade, que lle leva a aproveitar as súas viaxes para coñecer cociñas exóticas e divulgalas despois en Lugo con atractivas xornadas. O mesón Colón dedica este mes á gastronomía hindú, cun menú degustación integrado por sete pratos que teñen como nexo de unión o curry. Esa sabia combinación de especias de diferentes tipos dálle á comida un toque picante que define a tradición culinaria do país asiático. Almuíña suaviza a intensidade destes pratos para adaptalos aos padais occidentais, aínda que deixa aos clientes a opción de porlle salsa de chile a cada prato se demandan un maior picor.

A degustación ábrese cunha crema de espinacas e mazá. A principal diferenza coa versión orixinal é o engadido da froita. «A acidez da mazá dálle solidez e reduce o sabor picante da crema», aclara o cociñeiro.

Os lagostinos van marinados cun curry que ten entre os seus ingredientes lima, chile en po e zume de granada. O marisco vai acompañado de chile vermello e de fariña de garavanzo. é, sen dúbida, o prato máis forte do menú.

Tras estes entrantes chegan dous pratos típicos da cociña hindú: o biryani de verduras e o tandoori de pito. O biryani está feito con leite de coco e cardamomo e vai acompañado con arroz e o omnipresente curry. O tandoori é unha mestura de especias que se utiliza para adobar a carne antes de asala.

Un prato que esperta curiosidade nunha terra tan apegada ao consumo de pescada como Galicia é a preparación deste peixe ao estilo bengalí. A salsa de curry, cilantro e jengibre fresco, que lle dá o toque picantón, forman un conxunto que combina de marabilla coa pescada.

As sorpresas continúan á hora das sobremesas co kufi, un xeado feito cunha especia -o cardamomo- e unha planta aromática -o azafrán-, que é un clásico na India, un país que comparte con China a invención das técnicas heladeras. Os pistachos completan esta amálgama de sabores sobre unha base de leite. Tamén co barfi, unha crema de leite de coco. Este menú degustación sérvese os xoves, venres e sábados noite. é necesario reservar mesa con antelación para dar tempo a preparar os pratos.

As hindús non son as únicas xornadas de cociña internacional que se celebran no Colón, que xa trouxo a Lugo os sabores de Xapón, Vietnam, Perú ou Grecia, por pór un exemplo máis próximo.

Dentro da carta destacan os peixes e mariscos. Santi Almuíña foi cociñeiro en barcos de Burela antes de iniciar a súa brillante carreira nos fogóns. Él propón sempre unha oferta marcada pola creatividade e a fusión, como os lagostinos con tamarindo ou as ameixas estilo Ha Noi, que figuran como entrantes, o atún teriyaki ou os spaghetti con lagosta.

GUÍA PRÁCTICA

Como chegar

O restaurante Colón de Nadela atópase no número 38 da travesía da antiga Nacional-VIN.

O teléfono para facer as reservas é o 982.30.45.41.

Os menús hindús ofrécense os xoves, venres e sábados pola noite.

Que máis facer

Dar un paseo polo campo da feira e arredores.

Saber máis

www.mesoncolon. com

Comentarios